Pablo Villamar sinala que os servizos no rural teñen que ser os mesmos ca na zona urbana

naron-bng-12O candidato do Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas á Alcaldía de Narón, Pablo Villamar, asegurou na tarde deste martes, día 12, en Pedroso que “non se pode discriminar a veciñanza de Narón en función do lugar no que residan” e, nesa liña, precisou que “os servizos no rural teñen que ser os mesmos que se prestan na zona urbana”.  Villamar lembrou que no programa co que o BNG-AA concorre ás eleccións do vindeiro día 24 estabelécese como unha prioridade dotar a todas as parroquias dos servizos básicos –abastecemento, telecomunicacións, etc-, incluído o saneamento,  unha actuación que, se ben é certo que xa está avanzada nalgunhas parroquias do rural, aínda non é un servizo universalizado. “É o caso de Pedroso”, sinalou Villamar, “onde aínda hai traballo que facer”. Nesa liña, o candidato nacionalista insistiu en que para completar o saneamento na zona rural naronesa precisarase da colaboración doutras administracións, pois, segundo dixo, a súa conclusión suporá un investimento aproximado de 15 millóns de euros.

No mitin da sociedade A Pombiña, no que estivo acompañado da número 6 da candidatura do BNG-Asembleas Abertas, Lidia Romero, e do alcalde de San Sadurniño, Secundino García, Villamar quixo destacar a este respecto que Narón xa ten explorado a vía da colaboración con outras administracións para impulsar proxectos como o saneamento. Así, referiuse en concreto ao caso da Portela, unha área limítrofe con San Sadurniño para a que ámbalas dúas institucións locais xa chegaran a un acordo para acometer as obras e que, tralo visto e prace inicial da Xunta de Galiza, “está gardado agora nunha gaveta, adiando o dereito desas veciñas e veciños de dispor do saneamento».

Para o candidato do BNG-AA, este é un exemplo máis da discriminación á que a Xunta de Galiza ou a Deputación teñen sometido ao Concello de Narón. Nese sentido, lembrou o esforzo que houbo que facer para que a Deputación da Coruña accedese finalmente –na mañá deste martes  aprobouse no pleno o convenio de colaboración- a participar no financiamento das obras de rehabilitación da antiga casa rectoral de Pedroso para convertela nun centro de dinamización sociocultural.

 

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …