Villamar di que non se pode consentir que haxa nen@s que non podan xantar nos centros escolares

naron-bng-14O candidato á Alcaldía de Narón polo Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas, Pablo Villamar, denunciou na tarde deste xoves, día 14, nun acto público no local social da Gándara que «non podemos consentir que haxa alumnos e alumnas dos centros educativos do concello queden sen poder xantar nos comedores escolares como está a pasar actualmente» e lembrou que é a Xunta de Galiza a administración que asume este servizo que non cobre a demanda existente.

Villamar sinalou que os comedores escolares son fundamentais para conciliar a vida familiar e laboral dos proxenitores e, nese sentido, reclamou un maior esforzo por parte da Xunta, «que é a que ten as competencias neste eido». O candidado nacionalista laiouse do desleixo co que o actual goberno galego actúa a respecto de Narón e sinalou, entre outros exemplos, o caso de tres das catro escolas infantís construídas polo Concello e que aínda non se integraron no Consorcio Galego de Servizos Sociais,o que supón, dixo, «un novo agravio comparativo con Narón».

O aspirante do BNG-Asembleas Abertas á Alcaldía de Narón subliñou que a poboación de Narón non deixa de medrar, «unha realidade«, engadiu, «da que a Xunta de Galiza semella non decatarse e por iso esixiu o mesmo trato que o que reciben concellos semellantes».

Villamar referiuse tamén ao Plan Xeral de Ordenación Municipal, unha ferramenta coa que o concello precisa contar canto antes e na que necesariamente ha de ocupar un lugar relevante un plan de accesibilidade e mobilidade que sitúe os peóns na cerna da vida urbana.

Lea también

Unha unidade móbil ADOS estará operativa o venres 26 en Narón, no barrio de Xuvia

Unha das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará este …