TEGA sinala que nos últimos anos se destinaron máis de 10 millóns de euros ao saneamento no rural

terra galega logoO secretario xeral de Terra Galega, Guillermo Sánchez Fojo, e o candidato Ángel Perfecto Castro participaron este mércores, día 20, nun mitin na parroquia de Doso ao que non puido asistir –por cuestións de axenda- o cabeza de lista de TEGA en Narón, José Manuel Blanco, de quen excusaron a súa ausencia ante os veciños e veciñas da parroquia. Foi o candidato de Doso, Ángel Perfecto Castro, o primeiro en dirixirse aos asistentes, destacando as obras máis importantes realizadas na parroquia durante os últimos anos e incidindo no feito de que, a diferencia do que predican os populares “non hai ningún camiño público titularidade do Concello na zona rural e de acceso a vivendas que non estea asfaltado e dispoña de servizo de alumeado”.  Ademais, Castro recordou os avances realizados nos últimos anos no rural para implantar o servizo de saneamento en novos tramos e subliñou que xa se destinaron máis de dez millóns de euros a este tipo de traballos, estando pendentes de execución obras en Sedes e Doso e completar as iniciadas en Castro e no Val.

O secretario xeral de Terra Galega, Guillermo Sánchez Fojo, incidiu en que, “ao contrario do que algúns van dicindo por aí para arañar votos a costa do que sexa, o Concello de Narón nunca estivo arruinado e os datos económicos sempre foron positivos”. Sánchez Fojo cargou contra as políticas do PP que impediron destinar a investimento os 800.000 euros que o Concello tivo de remanente no ano 2013, “obrigándonos a pagar a débeda contraída cos bancos, eses aos que eles rescataron co diñeiro de todos”.

“O máis grande que ten que ter un político non é ser deputado, nalgún caso para non facer nada polos veciños e veciñas como pasa en Narón, senón ser concelleiro e traballar pola cidadanía, que é o que facemos nós todos os días, con algún erro ás veces, porque tamén nos equivocamos, pero sabendo rectificar”, subliñou Sánchez Fojo. O secretario xeral de TEGA denunciou as “mentiras e calumnias que se poden escoitar nos mitins do PP sobre o equipo de goberno de Narón” e instou ao candidato popular, Miguel de Santiago, a denunciar o que considere oportuno na fiscalía e deixar traballar aos xuíces para que se pronuncien. O secretario xeral de TEGA animou a De Santiago a facer unha campaña “explicando o que fixeron nestes últimos catro anos polos veciños e veciñas de Narón e a viabiliade do seu programa”.

Por último, Sánchez Fojo convidou aos veciños a asistir ao mitin de peche de campaña, que terá lugar este venres, día 22, ás 21.00 horas no Pazo da Cultura de Narón e pediulles que este domingo vaian votar por Terra Galega “para continuar avanzando e seguir o camiño trazado hai moitos anos e que demostra que co voso apoio Narón segue na senda do crecemento”.

 

Lea también

O Concello de Narón ilumina de cor verde a rotonda de Freixeiro no Día Mundial do Medio Ambiente

 A glorieta de Freixeiro permanecerá iluminada de cor verde as noites do venres, sábado e …

Un comentario

  1. E subirán os impostos e saldrá o señor Guillermo a decir que está orguioso de facelo, en fin.