O panorama cultural de Ferrol (II). Encol da memoria histórica

burgoa-211114jjburgoa@hotmail.com-TIRANDO A DAR

Na pasada semana falamos das actividades das asociacións culturais da cidade. Cumpre hoxe dar unhas pinceladas sobre as actividades do Concello nos eidos da Cultura, Patrimonio, Turismo e Ocio, xusto cando pasou esa parva referencia de cen días de traballo.

Xa sinalamos na semana anterior que ata de agora segue sen funcionar o Centro de Documentación do Patrimonio, instalado no último andar do edificio do Antigo Hospicio Municipal (por certo, cal é o nome oficial dese edificio do Concello ?). Tamén sinalamos a torpe actuación do concelleiro de Turismo ao suprimir as visitas ao edificio de Capitanía General, unha vez vencida a inercia cultural da Armada neste senso. Das que foran afamadas Festas de Amboage xa comentamos que os ferroláns gozaron dun variado e axeitado programa a base de actividades folclóricas como tai chi, zumba, power dance, pilates e latin funk.

Nun plano mais estritamente cultural, a única actividade interesante foi a exposición de pintura recen presentada no Centro Cultural Carballo Calero. Unha mostra de certo interese pero moi cativa e moi pouco representativa dos fondos de que dispón o Concello. A maiores, a exposición se fixo sen invitacións, tivo lugar un espectáculo nada edificante durante a súa inauguración e non se elaborou nin o máis cutre catálogo da mesma.

Falemos das ocorrencias culturais. Agora resulta que os ferragachos que plantou o señor José Manuel Rey nos estragados xardíns de San Francisco semella que van a ser utilizados polo señor Jorge Suárez para montar o Museo da Cidade. ! Cousas veredes !. Outra nova ocorrencia é a das anunciadas actuacións musicais no que chaman Paxareira do Cantón de Molíns.

burgoa-27-1

No que atinxe ás Meninas de Canido, das que tanto se lle enche a boca algúns sabichóns ao falar dese “evento”, eu falarei diso cando vexa traballar alí a pintores de Ferrol de certo prestixio como Collado, Barcón, Rafael Castro, Antonio Fernández, Jorge Llorca, Juan Galdo ou Rodríguez Soto. Namentres Canido se ten que conformar co Tanatorio da rúa Pérez Parallé na vez de usar como Centro Cívico o desleixado Chalé modernista de Sisto na rúa Alegre.

Mentres que reservamos a nosa opinión sobre o Camiño Inglés ata saber en que quedan as declaracións de boas intencións que significados membros do Concello están a levar a cabo, contemplamos a saída á palestra da Defensa do Patrimonio Cultural a unha nova entidade, PAFER; esperamos que sexa máis activa e efectiva que tantas e tantas anódinas e ineficaces asociacións culturais de Ferrol.

burgoa-27-2

Desta rolda non falamos da actividade cultural da Universidade de Ferrol, tan preto e tan lonxe da cidade, que leva anos durmindo o Sono dos Xustos nos temas relativos ao Patrimonio Cultural de Ferrol. Non obstante, temos que expresar noso rexeitamento ás nadas felices actuacións actuais e previstas da Concellería de Urbanismo no Cantón de Molíns, creando unha enchente de bolardos e bolardiños.

ENCOL DA MEMORIA HISTÓRICA

Mentres tanto segue a teima de facer un Parque (Mono)Temático ou algo similar arredor da Memoria Histórica, desta rolda no Castelo de San Felipe. No que atinxe ao relativamente novo concepto ideolóxico da Memoria Histórica cumpre lembrar o que escribiu fai poucos anos o historiador inglés Tony Judt:

Creo profundamente en la diferencia entre la historia y la memoria …….. Permitir que la memoria sustituya a la historia es peligroso  ……….. La historia adopta la forma de un registro, continuamente estudiado y reevaluado a la luz de evidencias antiguas y nuevas ……….. La memoria se asocia a unos procesos públicos, no intelectuales: un memorial, un museo, un acontecimiento, un día, una bandera ………. Las manifestaciones de la memoria del pasado son inevitablemente parciales, insuficientes, selectivas ………”

 

 

 

Lea también

El 10 de marzo de 1972 en Ferrol ¿Tragedia o suceso histórico?

Enrique Barrera Beitia Todos los ferrolanos sabemos que el 10 de marzo de 1972 una …