Éxito rotundo das primarias abertas de Nós-Candidatura Galega. Carlos Callón cabeza de lista

Fot.Praza.com
Fot.Praza.com

Carlos Callón na Coruña, Olalla Rodil en Lugo, Carme Adán en Pontevedra e Noa Presas en Ourense serán as cabezas de lista de Nós – Candidatura Galega ao Congreso dos Deputados.

Máis de 4.000 persoas (un 70% por cento das censadas) participaron este domingo na xornada de primarias abertas de NÓS – Candidatura Galega, coa que rematou o amplo proceso social que a plataforma Iniciativa pola Unión desenvolveu ao longo dos últimos meses para a conformación dunha candidatura galega de base cidadá para as eleccións xerais do 20D. A votación desenvolveuse a través de 144 mesas establecidas no conxunto do territorio galego, ás que sumou a mesa telemática do voto online.

A experiencia resultou fondamente positiva en palabras de Suso Bermello, coordinador da xornada, que salientou «tanto a participación cidadá conseguida como a altísima calidade democrática do proceso de escolla das candidaturas. Non houbera nunca en Galiza un proceso de primarias tan aberto, garantista e participativo coma este que vimos de celebrar. Estamos realmente orgullosos da experiencia».

Na xornada de primarias o conxunto de persoas censadas –máis de 5800 en todo o país e na emigración- podían facer tres escollas diferenciadas: cabeza de lista do Congreso, resto de lista de Congreso e candidatura ao Senado. Os resultados confirman a Olalla Rodil (Lugo), Noa Presas (Ourense) e Carme Adán (Pontevedra) como cabezas de lista de Nós-Candidatura Galega polas súas respectivas provincias ao Congreso, e colocan a Carlos Callón como o candidato escollido pola provincia da Coruña, que se impuxo cun 65% de apoio sobre Tereixa Novo, que obtivo o 32% .

Para completar as listas, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, foi o candidato máis votado da súa provincia, en tanto na Coruña a actriz Isabel Risco resultou a candidata máis votada, seguida do escritor e ensaísta Suso de Toro. No caso de Ourense e Lugo as persoas que figurarán no número 2 da lista serán a concelleira en Oímbra Perfecta Losada e o sindicalista agrario Xosé Antón Ledo.
Para as candidaturas do Senado, Xosé Luís Rivas «Mini» (músico e ex alcalde de Boimorto) pola Coruña, a atleta Alba Cuba por Pontevedra, Rosana Prieto (guía turística na Ribeira Sacra e portavoz do BNG en Pantón) por Lugo e Diego Lourenzo (tenente alcalde do Concello de Verín) por Ourense foron as persoas máis votadas.

Desde a Iniciativa pola Unión valorouse esta xornada de primarias como «un exemplo de como se constrúe, desde a propia sociedade, una candidatura de base cidadá, plural e co centro de decisión no noso país, chamada a ser a representación soberana da sociedade galega nas Cortes españolas. É preciso mudar as cousas, defender ás maiorías sociais e conquistar o dereito a una vida digna para todas as persoas, e queremos facelo desde nós, como galegas e galegos de nación, a través dunha representación propia de Galiza en Madrid».

Lea también

Formoso reafirma o compromiso da Deputación na atención as persoas con dano cerebral

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, valorou “o labor imprescindible” que desenvolven as entidades …