Bellón&Maceiras estrearán o seu novo disco «Ten10» na sociedade Agarimo

fene-bellon-maceiras-24-11Dez anos despois da súa primeira actuación en Fene, o dúo Bellón&Maceiras estreará o seu terceiro disco, «TEN10», cun concerto na SCRD Agarimo de Sillobre o sábado 5 de decembro a partir das 20 horas. Nesta actuación, o gaiteiro Daniel Bellón e o acordeonista Diego Maceiras desvelarán perante o público os dez temas cos que queren conmemorar o seu décimo aniversario como dúo (daí o título do disco). A entrada ao concerto será de balde ata completar o aforo.

Para o alcalde de Fene, «Daniel Bellón e Diego Maceiras son dous músicos de recoñecido prestixio no panorama musical galego cunha longa experiencia como integrantes de grupos de renome, ademáis dunha traxectoria consolidada como concertistas en solitario». Nunha rolda de prensa celebrada no mediodía deste martes na Casa do Concello de Fene, Juventino Trigo afirmou que «grazas a eles, o nome de Fene –o seu concello natal- estivo presente durante todos estes anos en festivais e concertos de todo o mundo». Tamén salientou o primeiro rexedor fenés o feito de que Daniel Bellón e Diego Maceiras escolleran «o noso concello para crear a súa propia escola de música, da que estamos seguros de que sairá unha nova canteira de grandes músicos».

«Ten10 é un traballo que afonda na liña da fusión da música galega con outras músicas do mundo, incluíndo temas tradicionais a carón de pezas ambientadas en distintos países e algunha que outra composición propia», segundo explicou na rolda de prensa Diego Maceiras. Para este novo proxecto, o dúo rodeouse dun grupo de colaboradores excepcionais coma os músicos Juan Cabe, María Moiséeva, María López (da Escola Bellón&Maceiras), Miguel Lamas, Juan Tinaquero, Rafael Carracedo ou Oliver Wilson-Dickson, cos que foron coincidindo en diversos proxectos ou concertos ao longo destes  anos.

Para Daniel Bellón, «Ten10 é un disco moi especial polo que supón de conmemoración do décimo aniversario do dúo. Para nós era fundamental poder estrealo en Fene, rodeados da nosa xente», asegurou o gaiteiro fenés. Ademais, Bellón tivo unhas palabras de agradecemento para todas as persoas que colaboraron dun ou doutro xeito para que este proxecto saira adiante. Salientou, entroutras, a colaboración do debuxante Xaquín Marín cunha caricatura que se entregará como agasallo aos primeiros compradores/as do disco.

TRAXECTORIA

O dúo BellónMaceiras naceu no 2005, da unión musical do gaiteiro Daniel Bellón e do acordeonista Diego Maceiras. O seu profundo coñecemento da música tradicional galega, xunto coas súas inquedanzas artísticas e o seu gusto polas músicas doutros países, levaron a este dúo a fusionar, desde o principio, sen medo, ritmos e melodías de distintos lugares, facendo música do mundo desde Galicia.

O seu primeiro traballo discográfico, «Unión das Terras», foi o premio que gañaron no Teatro Principal de Santiago de Compostela, en marzo do 2006. Con este primeiro disco, o dúo xa tocou en Nova Iorque, Xenebra, Varsovia, París, Madrid, Barcelona, Bruxelas, Lorient, Cuxhaven, etc.

No 2007, cando convidaron a tres músicos a formar parte de BellónMaceiras Quinteto (contrabaixo, batería e guitarra), estaban todos dacordo sobre a fusión que ían crear. Esta é, sen dúbida, a característica que mellor define á banda: a fusión de estilos, sen complexos, e o virtuosismo dos seus componentes.

«Folkfusión», o disco presentado en 2010 polo quinteto, é definido coma unha nova maneira de entender as músicas do mundo desde Galicia.O disco «Live au Cornouaille», grabación do concerto do 60 aniversario do Bagad Kemper (actual campión do mundo das bandas de gaitas bretonas), para a que foron músicos convidados Daniel Bellón e Diego Maceiras, entre outros, da talla de Dan Ar Braz, foi publicado no verán do 2010. Ese mesmo ano, Bellón e Maceiras inauguraron en Fene, a súa escola de música BellónMaceiras.

2011 empezou con concertos do dúo en Moscú (festival de Nadal na Catedral Católica) e en Cosquín (Festival Nacional de Folklore de Cosquín-Arxentina). Ademais, no mes de agosto estiveron representando Galicia, en formación de Quinteto, no Festival Celta de Montelago, perante 20.000 persoas.

Dende aquela ata hoxe, a actividade de Bellón&Maceiras foi incesante, salientando a súa participación en numerosos concertos e certames a nivel internacional: Moscú (Centro Cultural Pokrova e Catedral Católica, 2012), en Escocia (New Atheneum Theatre, Street Café e St Enoch Square, 2013) na Bretaña (Festival de Lorient, 2014), en Alemania (Núremberg, 2015), Albania (Centro Cultural Sigal Durres, 2015), Irlanda (William Kennedy Piping Festival, 2015), etc.

Máis información en www.bellonmaceiras.com ou nos perfís do dúo Bellón&Maceiras en Facebook/Twitter ou na canle de Youtube.

 

Lea también

El «XVI Concurso de Piano Sociedad Artística Ferrolana-2024» se celebra este sábado día 20

La Sociedad Artística Ferrolana (SAF), celebrará este sábado día 20 en horario de 10 a 14 …