Os cruceiros de As Pontes no VII Congreso Galego de Cruceiros

 

Tivo lugar en Ourense o VII Congreso Galego sobre Cruceiros. No devandito Congreso o historiador ferrolán Juan J. Burgoa, estudoso dos cruceiros e colaborador de Galicia Ártabra, presentou un relatorio sobre “Os cruceiros e cruces de pedra do concello de As Pontes de García Rodríguez”

No seu traballo o autor fai un percorrido  polos trinta cruceiros e dez cruces de pedra que se levantan ao longo dos case 250 km2 de extensión e un total de 13 parroquias do concello de As Pontes. Por mor da situación xeográfica do termo, a cabalo entre a zona costeira de As Mariñas e a comarca interior lucense de A Terra Cha é moi variada a caracterización formal destes cruceiros, feito que se reflicte en obras de diferentes tipoloxías coruñesas e lucenses.

cruceiros as pontes

Poboado de As Veigas                                   San Xoán de Freixo

Salientan como exemplares de maior interese no concello de As Pontes os cruceiros do poboado de As Veigas e da capela da Virxe do Carmo, ambos na vila de As Pontes, de San Pedro de Eume, de Santa María de Espiñaredo, de San Xoán de Freixo e da capela dos Remedios de Marraxón. Cumpre citar ademais a presenza de diversos exemplares feitos de serpentina ou pedra de toelo, material máis dúctil ao traballo dos canteiros que a pedra de granito, exemplares que se poden ver en diferentes lugares dos concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

Ata o momento actual celebráronse sete Congresos sobre estes senlleiros monumentos gallegos, que foron organizados pola Asociación de Amigos dos Cruceiros e Cruces de Pedra en diferentes lugares de Galicia, celebrados co xeneroso apoio dalgúns concellos e de varios museos galegos (Lugo, Betanzos, Pontevedra e do Pobo Galego de Santiago) e, como contraste, o práctico desinterese da Xunta de Galicia e as Deputacións Provinciais.

Lea también

Chega o festival Fóra do Mapa, “unha das citas ineludibles deste outono”

Un edificio do arquitecto Rodolfo Ucha situado na rúa Rubalcava foi o escenario esta mañá …