A destrucción do Cemiterio de Canido. A posta en función da Necrópole de Catabois

faf-SA pasada semana o Foro Amigos de Ferrol lembrou a construcción do antigo Cemiterio de Canido o ano 1776.

Hoxe lembra a destrucción do devandito Cemiterio de Canido pola posta en función do novo Cemiterio de Catabois no ano 1945.

              —-ooOoo—-

 

Desde a súa creación o ano 1776 o cemiterio de Canido, o primeiro camposanto galego que cumpría as normas hixienistas da Ilustración, foi sucesivamente ampliado os anos 1806, 1861 e 1906, sendo este ano cando atinxiu a súa derradeira configuración. As necesidades dunha crecente poboación orixinaron que xa na sesión municipal celebrada o día 2 de Novembro do ano 1878 se demandara a construción dun novo cemiterio por mor da escasa capacidade do existente. Esta escaseza de espazo, que incluso obrigaba a realizalas exhumacións antes do prazo legal para iso, motivou que o ano 1895, o doutor Pastor Nieto, Delegado de Medicina do Concello, redactara unha memoria denunciando a necrópoles existente como mal emprazada, insuficiente e malsán, urxindo a necesidade de construír un novo cemiterio

Máis tarde, o alcalde Antonio Usero, a partires do ano 1924, realizou as primeiras xestións para solucionalo problema, paralizándose o expediente de construción dun novo cemiterio pola caída do goberno de Primo de Rivera. Foi no ano 1937, baixo a Alcaldía de Vázquez Permuy, cando se acordou a expropiación dos terreos necesarios no lugar de Catabois de Arriba e se fixeron os primeiros estudios do proxecto e presuposto da necrópole, aprobando o Concello de Ferrol o día 22 de Agosto de 1940 a adxudicación das obras para a súa construción. Os traballos posteriores baixo a dirección dos arquitectos Nemesio López e Rafael Fernández Huidobro, levaron á construír o actual cemiterio que se inaugurou o 12 de Xullo do ano 1945, sendo Alcalde Eduardo Ballester, cun costo total superior aos 2 millóns de pesetas.

Desde a inauguración do novo cemiterio de Catabois deixouse de soterrar no cemiterio de Canido de xeito paulatino, ata que quedou clausurado, facéndose os traslados dos restos funerarios principalmente ao camposanto de Catabois e en menor medida ao de Serantes, nun proceso que durou case vinte anos, pechándose o vello cemiterio de Ferrol en práctica coincidencia coa consagración da capela como igrexa parroquial de San Rosendo de Canido o ano 1968.

Este traslado dos restos mortais á nova necrópole de Catabois, cunha responsabilidade compartida entre o Concello e a Igrexa, foi un vergoñento proceso, de xeito tal que nos anos cincuenta do pasado século aínda se podían atopar osos humanos abandonados nas proximidades do vello cemiterio de Canido, perdéndose moitos dos cadáveres das persoas alí soterradas, incluídos personaxes ilustres de Ferrol, e desaparecendo moitas placas metálicas e de mármore, froito dos furtos e as rapiñas. Algún día alguén debería aclarar esta noxenta páxina da historia ferrolá.

Dos moitos e artísticos panteóns que se levantaban no cemiterio de Canido, que algúns ferroláns aínda lembran, tan só o monumental panteón da familia Piñeyro, obra do arquitecto Gabriel Abreu, foi levado, pedra a pedra, ao actual camposanto de Catabois. Antonio Piñeyro foi Irmán Maior do Hospital de Caridade de Ferrol entre os anos 1908 e 1922. Na primeira ilustración, cedida pola dirección do devandito Hospital de Caridade de Ferrol, pódese ver unha antiga fotografía do panteón na necrópole de Canido e na segunda a súa instalación actual no cemiterio de Catabois.

burgoa-26-12

Lea también

El Real Coro Toxos e Froles recupera la actividad después de que el Concello finalizara la reparación de la cubierta de su sede

El Real Coro Toxos e Froles pudo retomar  este martes la actividad en su sede después …