Malfadado aninovo 2016

 

burgoa-211114jjburgoa@hotmail.com-TIRANDO A DAR

Cando comeza un novo ano sempre esperamos que sexa mellor que o anterior, mais desta rolda simplemente desexamos que o non sexa peor que o pasado. O ano que rematou foi moi malo para os cidadáns deste país e aínda máis para os veciños de Ferrol. Desde o ano 2008, Europa e o mundo occidental atópanse inmersos na maior crise económica e social dos últimos setenta e cinco anos.

En España a crise afecta a amplos sectores da poboación, por mor do inepto e malpocado goberno de oito anos de Zapatero que, con medidas estúpidas e gastos desmesurados, nos levou a unha crise que non quixo recoñecer, seguido do goberno ineficaz de Rajoy que nos catro últimos anos non foi que de resolver os problemas atopados. A recente chegada ao poder de certas partidas, que non partidos, dunha caste de indocumentados semella levarnos a un novo desastre.

O malgaste económico, a corrupción e o mal facer dos políticos gobernantes foi o caldo de cultivo dos abusos do poder económico, desde unha Banca miserenta a unhas indecentes compañías eléctricas e enerxéticas. A este panorama desolador únese o tristeiro papel do poder xudicial, neste intre a caste profesional máis desprestixiada do país, e uns sindicatos inoperantes. Mentres tanto a Comunidade Europea, a desprezable Europa do infame Tribunal de Estrasburgo, estes anos estivo a engadir máis dano a Galicia a costa da comercialización da leite, as cotas pesqueiras ou o trato miserable aos nosos estaleiros do cidadán Almunia.

burgoa-3-1-aFalemos agora de Ferrol, mergullado noutra das súas periódicas crises, desta rolda coa maior virulencia. Hoxe temos unha alta taxa de paro, en especial entre a mocidade, coa perda de varios milleiros de empregos nos últimos anos; unha pequena carga de traballo e sen concretar contratos de interese nuns estaleiros cada vez menos competitivos; sen definir a utilización das instalacións baldeiras de Astano; sen lograr a necesaria diversificación industrial; caendo a cachos o barrio de Ferrol Vello; perdendo veciños de xeito continuo e afondándose o comercio do centro histórico, con medio centenar de baixos pechados tan só na rúa Real.

Temos desaparecida a Cámara de Comercio e perdida a FIMO, sen rumbo definido as pelexadas asociacións empresariais, en liquidación a Fundación Ferrol Metrópoli, ausente Tribuna para el Diálogo e paralizadas a maioría das asociacións veciñais. As asociacións culturais, unhas desapareceron, outras están a pasar un difícil transo e algunha máis está a caer. Sen rumbo definido o tema económico do Concello, neste intre soamente o Porto Exterior semella unha clara aposta de futuro, fóra de esa teima que ten a Autoridade Portuaria coa chegada de cruceiros.

Qué dicir da Cidade Ilustrada ?. Co Patrimonio da Humanidade reconvertido en Patrimonio da Eternidade, Ferrol é a Cidade Ensimesmada que non levanta a cabeza. Na Praza de España gastáronse 25 millóns de Euros en ocorrencias que ninguén entende, Canido atópase nun continuo pesadelo de obras, Ferrol Vello cada vez máis desleixado, as rúas da Madalena en mal estado e cunha peonalización absurda. A Universidade segue sen folgos e afastada da cidade. As murallas do Arsenal e de Navantia seguen illando á chamada Cidade do Mar das augas da ría. O Concello non é quen de por en marcha un Museo da cidade, nin unha Revistade Estudos Locais.

burgoa-3-1-bO Patrimonio e o Turismo poderían ser de axuda á saída da crise. É imprescindible unha boa promoción do Camiño Inglés e do Modernismo. Unha Ruta da Construción Naval ben impulsada, cunha axeitada posta en valor da Exposición da Construción Naval e do Museo Naval semella unha boa aposta. Unha apropiada política de utilización cultural do esquecido e descoidado Castelo de San Felipe sería unha baza importante neste senso. O potencial do Turismo de praia e natureza, ao que algúns tordas ultimamente denominan turismo salvaxe, podería servir tamén de alicerce a esta promoción.

Dun xeito resumido, para erguer Ferrol xa non chega reconducir ou renovar a cidade, como defenden algúns. Neste escenario é necesario abandonar o monocultivo industrial e deixar de depender do cambiante e indecente poder político, mentres se procede a unha refundación de Ferrol, pescudando novos camiños cara ao futuro coa participación activa de tódolos sectores e axentes sociais da cidade.

Lea también

Noites craras do luar-Antes de pedir reprobaciones…mírense al espejo

José Luis Álvarez Con la benevolencia del director de Galicia Ártabra reanudo mis comentarios de …