Medio Rural colaborará na mellora da inclusión das persoas con discapacidade no rural

angeles vazquez 4-2

A Consellería do Medio Rural colaborará na mellora da inclusión das necesidades das persoas con discapacidade no medio rural. Así llo trasladou esta tarde en San Caetano a titular deste departamento, Ángeles Vázquez, ao presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade-Cogami, Anxo Queiruga.

A conselleira interesouse polas propostas de Cogami, que pasan polo desenvolvemento de estratexias acordes á súa situación a través dos grupos de desenvolvemento rural (GDR), co obxectivo de mellorar a calidade de vida deste colectivo facilitando o seu día a día.

Ángeles Vázquez amosouse totalmente partidaria a que esta sexa unha obriga para o seu departamento, posto que o medio rural é unha opción de vida apta para calquera persoa e, engadiu, a Administración debe traballar para que non existan barreiras de ningún tipo.

Neste senso, a conselleira sinalou que a través dos proxectos que se vaian presentando no marco do Plan Leader buscarase esa mellora da accesibilidade nas contornas rurais, tanto nos espazos públicos coma privados, así como no resto de ámbitos primordiais para a xente con discapacidade. Ángeles Vázquez comprometeuse a que o rural galego non sexa un impedimento para ninguén.

Lea también

Se reactivan as notificacións para levar a cabo queimas agrícolas por parte de particulares

A Xunta reactiva desde este martes 26 as notificacións para levar a cabo queimas agrícolas …