A Consellería do Medio Rural colabora para o fomento do Can de Palleiro

reunion can de palleiro 8-2

A Consellería do Medio Rural continuará a colaborar co Club Can de Palleiro no fomento desta raza autóctona (can de palleiro). Así llelo confirmou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, aos responsables deste colectivo, nunha xuntanza de traballo mantida esta tarde en San Caetano.

Medio Rural vén prestando colaboración a este club en iniciativas como a organización dos cursos de xuíces da raza, cedéndolles para esta actividade as instalacións do centro de Sergude e asumindo custes relacionados co desenvolvemento destas accións formativas.

Ademais, a Xunta subminístralle ao club o material de traballo preciso para xestionar as actividades de campo relacionadas co libro xenealóxico, tales como bastóns medidores, lectores de microchips, gaiolas e transportíns, roupa impermeable, portadocumentos, etc.

Actualmente estanse a realizar tamén as probas de filiación xenética dos exemplares da raza de forma gratuíta para o Club, coa toma de mostras e as posteriores análises no laboratorio de xenética molecular de Xenética Fontao.

Medio Rural é responsable directa da xestión do libro xenealóxico da raza en virtude do Real Decreto 1557/2005, de 23 de decembro, que regula o recoñecemento oficial das organizacións ou asociacións de criadores de cans de raza pura.

Club de Raza

O Club da Raza Can de Palleiro é unha asociación sen ánimo de lucro, inscrita no rexistro nacional de asociacións, constituído desde o ano 2002 e formado fundamentalmente por afeccionados e criadores da raza. Nos seus estatutos figura que ten por obxecto a conservación, recuperación, mellora, selección, fomento e difusión da raza can de palleiro.

Foi recoñecido oficialmente mediante resolución do 6 de Febreiro de 2004 como entidade colaboradora da Xunta de Galicia para a recuperación desta raza canina, como responsable principal nas labores de campo e colaborando en gran parte coa Consellería cos traballos de tipo administrativo. Respecto á situación da raza, pasouse de nove exemplares cos que se comezou ata os máis de 500 inscritos actualmente no libro.

can de palleiro 8-2
Fuente: clubcandepalleiro.com

Lea también

Avance en la mejora de la prestación de asistencia jurídica gratuita

La Xunta y el Consello da Avogacía Galega han pactado nuevas mejoras en la prestación …