Eu aprendín de ti que a Deus lle gusta rir

Xaquín Campo Freire.
Xaquín Campo Freire.

Xaquín Campo Freire. Mandiá, 10-02-2016.

A última que nos miramos, como dicides por aí, foi na Nosa Señora d’A Barca. Agora mesmo, estades a celebrar a túa verdadeira Primeira Misa en Cuntis, na túa vila natal. Sinto ben non poder ir. Neste intre o teu primeiro ciclo vital finou e muda radicalmente para abrazarte definitivamente co Cristo da túa fe, co que agora xa gozas en plenitude no alén.

Concíbote ante Deus Pai chegando coas ofrendas de tanta vida entregada. Desde os carteis que pintabas en Cuntis para o cine, onde traballabas cando eras mozo, ata as actividades cos milleiros e milleiros de rapaces do rural que atoparon o sentido da súa vida e do seu amor no inmenso traballo naquel xeito de presenza da Igrexa nas nosas aldeas, a JARC-JACF. Que alegría nas familias!

E logo de párroco. Sempre cara ao Atlántico, porque ti sempre fuches de miradas e ansias infinitas seguindo o rumbo do Sol, Cristo, onde o materno Espírito sempre sopra rexo e con forza por riba das tempestades. Cantas levas amainadas!

Eu aprendín de ti que a Deus lle gusta rir. Esta noite antes de rezardes completas e irvos durmir, porque no ceo tamén se descansa, hai convocada unha velada. Todos agardan con ganas a túa chegada. —Hoxe, coma no teu cine de Cuntis, cando ti as despachabas: «Esgotadas as entradas»—. Moitísimos deles son teus coñecidos de vello. Pero o Pai Eterno está verdadeiramente ansioso e expectante polo moito que lle levan falado de ti e da túa graza. Dos teus inesquecíbeis contos e da tenrura que lles imprimías.
Que os herniados leven faixa para agarraren as barrigas e non esquezan os panos, porque o que é chorar, non han cansar de chorar, pero coa risa. Tanto, que ata terás chispa para moquearte deles, mesmo nos propios narices. Sei que non defraudarás á movida.

Desta non te van coller desprevido. Pois, en lingua galega, lin con moito agarimo esta mañá: Despois de recibir os Santos Sacramentos e a bendición da súa Santidade.

Quero supor que antes de irte repasaches con tino o amplísimo repertorio. Procura deixarnos ben. E así, cando nós cheguemos, admirada diga a mesma Trindade: Ah! Estes son os amigos do Xaquín. Do único Xaquín. O Gómez Barros. Non. Perdón. Antes está o noso Santo, o esposo de Santa Ana, os pais de María, a Nosa Señora, aquela d’A Barca, onde nos miramos ti e máis eu por última vez no verán pasado. Estaban contigo o Pepe Ferreiro e o Andrés T. Queiruga e non sei se o Ferreirós. Lembras, non si?

Que riqueza de vida!, «meu amigo tocaio». Desde aquel encontro nas Xornadas da JARC en Madrid no ano 1964 sempre me saudabas con esa distinción especial. E eu respondinche fielmente con inmensa gratitude. Terte por amigo foi unha sorte grande, grande.

Xaquín Gómez Barros.
Xaquín Gómez Barros.

E eu pregunto: Por que non darán en facer un libro sobre a túa obra de bo pastor? Eu apúntome. Non pode ficar no esquecemento unha figura senlleira do que é o bo facer dunha pastoral seria na nosa Galiza. Asegúroche, meu querido Xaquín, que o sorriso de Deus sería abondosamente gozoso. Estouno vendo. Se se fai con xeito, sería un verdadeiro e real tratado de Teoloxía Pastoral.

Xaquín Gómez Barros, meu tocaio, coma nunca, sempre teu.

Lea también

Respetar la Ley

Sr. Director: Los distintos artículos de la Constitución Española del 78 fueron aprobados con amplio …