Odeón inaugura a XII Mostra da Camelia Cidade de Narón

camelia naron odeon 20-2

O Centro Comercial de Odeón acolleu este sábado a primeira xornada da duodécima edición da Mostra da Camelia Cidade de Narón, unha convocatoria organizada pola Asociación Galega da Camelia, coa colaboración do Concello de Narón, e que incluíu  a oitava edición do Concurso de Flor de Camelia.

A primeira hora da mañá comezaron a instalarse os 35 expositores que durante hoxe e mañá permanecerán nas citadas instalacións comerciais. Neles pódense ver unha gran variedade de flores de camelias e composicións procedentes de varios concellos da comarca pero tamén doutros puntos de Galicia e Asturias. A Mostra da Camelia estará aberta ata as dez da noite deste sábado e reabrirase mañá domingo desde as dez da mañá ata as seis da tarde.

A primeira tenente de alcalde de Narón, Marián Ferreiro, presidiu o acto inaugural acompañada por Edmundo Novoa, presidente da Asociación Galega da Camelia; Eusebio López e Manuel Pico, vicepresidente e secretario, respectivamente, da citada asociación. Á convocatoria asistiron representantes de varios grupos da corporación local naronesa, que participaron no acto de entrega de premios.

Marián Ferreiro destacou na súa intervención a gran calidade e cantidade de flores presentadas a esta XII Mostra da Camelia Cidade de Narón e agradeceu a presencia de participantes e visitantes e o traballo realizado pola organización. Así mesmo, a primeira tenente de alcalde de Narón recordou a existencia dunha variedade propia do municipio, a camelia Cidade de Narón, cunha flor caracterizada por ter moitos pétalos e de cor vermello intenso, creada por Eusebio López, vicepresidente da Asociación Galega da Camelia, e que nos próximos anos pasará a formar parte das especies do parque de camelias localizado en Freixeiro.

Pola súa parte, Edmundo Novoa, agradeceu a colaboración do Concello e do Centro Comercial Odeón e destacou tamén a calidade das flores e a elevada participación nesta Mostra. A continuación, procedeuse á entrega dos premios da oitava edición do Concurso de Flor de Camelia, que foron entregados por representantes do goberno local e da Asociación Galega da Camelia. O premio á mellor camelia japónica foi para Pilar Bargiela (Porriño); a mellor camelia reticulata foi para Ana Calo (Boiro) a mellor especie deste tipo de flor para María Jesús Melón (Vilagarcía); o mellor híbrido de camelia, para Clara Abalo (Rois); a mellor flor miniatura para José Freire (Padrón); o premio ao mellor cultivador expositor foi para Abelardo Barcala (pai e fillo, de Rubiáns) e, por último, o da mellor composición artística colectiva recaeu en Manuel Cruz e Alicia, de Sillobre (Fene).

Tralo acto de entrega dos premios, os gañadores e gañadoras posaron para unha fotografía de grupo cos representantes do Concello e da Asociación Galega da Camelia.

Lea también

Aberta a inscrición na primeira andaina deste ano en Narón do programa “Ponte en ruta con nós”

O Concello  de Narón mantén aberto, ata mañá  mércores 24 o prazo de inscrición na …