A Biblioteca e o Pazo da Cultura de Narón acollerán os actos do Día de Rosalía

A Biblioteca Municipal e o Pazo da Cultura de Narón acollerán mañá, día 24, parte das actividades programadas polo Concello para conmemorar o Día de Rosalía, ao cumprirse 179 anos do seu nacemento. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, presidirá os actos, acompañado pola edil de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, e por outros concelleiros da corporación local.

Ás 12 horas comezará na Bilioteca unha homenaxe ao socio número 16.000, un veciño do Alto do Castiñeiro cuxos pais son tamén usuarios do servizo. A continuación haberá unha sesión de lectura de textos de Rosalía de Castro, na que participarán Blanco e Taibo, ademáis da edil de Cultura, Marián Ferreiro, doutros concelleiros naroneses e dos veciños e veciñas que así o desexen, que poden acudir con textos da citada autora galega seleccionados por eles ou ler algúns dos que terán preparados na Biblioteca municipal. Esta actividade enmárcase nunha iniciativa impulsada desde a Deputación da Coruña e á que se adheriu o Concello naronés.

Así mesmo, desde a área de Cultura programouse con motivo do Día de Rosalía unha exposición con traxes e instrumentos típicos do século XIX. Todas as pezas que se poderán ver desde mañá pola tarde e durante as dúas próximas semanas na entrada do Pazo son propiedade do Padroado da Cultura.

O día 26 de febreiro, ás 18horas, terá lugar o último dos actos adicados á figura de Rosalía de Castro na citada programación. A proposta consiste nunha sesión en balde de contacontos: A paisaxe de Rosalía, na Biblioteca municipal e diríxese a nenos e nenas de entre 4 e 8 anos. As persoas interesadas en participar deben anotarse a través do número de teléfono 981 382 173 ou no mostrador das instalacións, en horario de 9:30 a 13:30 e de 16 a 21 horas. A actividade está organizada conxuntamente polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello e a Biblioteca municipal.

Lea también

Unha unidade móbil ADOS estará operativa o venres 26 en Narón, no barrio de Xuvia

Unha das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará este …