Narón programa actos para conmemorar o Día Internacional da Muller

A concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, presentou esta mañá os actos programados polo Concello para conmemorar o Día Internacional da Mullere, o vindeiro 8 de marzo. As actividades comezarán na xornada do día 8, coa tradicional homenaxe á Muller do Ano 2016 que se celebrará a partir das 12 horas no Concello.

É un acto sorpresa, no que a homenaxeada descoñece que vai obter este nomeamento. Intentamos que nesta iniciativa se vexan tamén reflectidas todas aquelas mulleres que merecerían un recoñecemento deste tipo, explicou a edil. O mesmo Día da Muller, ás 17 horas retomaranse os actos conmemorativos cunha solta de globos en prol da Igualdade –cada un deles levará unha mensaxe relativa a este tema- na Praza de Galicia.

A segunda das citas do programa será o día 10 de marzo. Nesta ocasión rendirase unha homenaxe póstuma á ex edil naronesa Manuela Pérez Sequeiros (Terra Galega), no Centro Comunitario que leva o seu nome, a partir das 12:30 horas.

O día 11 celebrarase a tradicional Cea da Muller, a partir das 21:30 horas, unha cita na que ano tras ano se reúnen en Casa Becerra, en San Xiao, varias mulleres e no transcurso da cal se fará unha homenaxe pública á Muller do Ano 2016. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse a partir de mañá ata o día 9 de marzo, abonando o prezo da cea, 20 euros, no número de conta ES30-0182-4590-11-0010024250 (BBVA) ou adquirindo o ticket no restaurante Casa Becerra. No caso de facer o ingreso bancario, unha vez realizado o pago deberán presentarse co xustificante no primeiro andar do Concello, onde o canxearán pola entrada.

As actividades para conmemorar o Día Internacional das Mulleres continuarán os días 18 e 29 de febreiro con actividades sobre saúde en feminino, apuntou a edil. Na primeira das xornadas o Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros acollerá un Obradoiro de saúde sobre o “Virus do papiloma humano”, a partir das 18 horas, e o día 29 desenvolverase ese mesmo obradoiro no IES As Telleiras, a partir das 16:30 horas. A última das citas programadas polo Concello con motivo do 8 de marzo é unha charla sobre Saúde cardiovascular feminina, tamén no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros e que dará comezo o 1 de abril ás 18:30 horas.

A edil de Igualdade animou á veciñanza a participar nestes actos co fin de contribuír «á reivindicación da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes na sociedade».

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …