O Concello de Narón acolle ao socio número 16.000 da Biblioteca municipal

rosalia actos naron 24-2Os actos programados desde o Concello de Narón para conmemorar o Día de Rosalía comezaron esta mañá, ás 12 horas, na Biblioteca municipal. O alcalde, José Manuel Blanco, presidiu a convocatoria acompañado pola edil de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, e por outros representantes da corporación local. A concelleira foi a encargada de presentar o acto, dando a benvida ao socio número 16.000 da Biblioteca, Darío Rodríguez Trancón, un neno de 20 meses veciño do Alto do Castiñeiro. Foi a semana pasada cando a nai de Darío, Cecilia Trancón, solicitou o carné de socio para Darío, un documento que tamén obtivo no seu día a irmá do homenaxeado, Icía, de 5 anos, e que teñen desde hai varios anos a súa nai, o seu pai, Fernando Rodríguez, de Narón e o seu avó José Trancón. Darío, que estivo acompañado hoxe pola súa nai e o seu avó materno, recibiu o seu carné de socio e un agasallo durante a homenaxe.

A edil de Ensino e Bibliotecas recordou no acto que desde o ano pasado o día 24 de febreiro se celebra oficialmente en Narón o Día de Rosalía, «conmemoración centrada no recoñecemento e difusión das obras da autora que simboliza o rexurdimento da nosa lingua e da nosa literatura», destacou. O alcalde naronés foi o encargado da primeira lectura, elixindo para a ocasión o poema Adiós ríos, adiós fontes, que alude á emigración. A continuación procederon a ler diferentes textos representantes da corporación local, veciños e veciñas e representantes de centros de ensino de Narón, pechando a actividade a concelleira de Ensino e Bibliotecas.

A partir desta mesma tarde, e durante os vindeiros quince días, poderase ver na entrada do Pazo da Cultura, no marco do programa de actos do Día de Rosalía, unha exposición de vestimentas e instrumentos musicais típicos do século XIX, organizada pola Concellería de Cultura, que preside a edil Marián Ferreiro.

A programación deseñada desde o Concello con motivo do Día de Rosalía rematará este venres, día 26, na Biblioteca, onde a partir das 18 horas haberá unha sesión de contacontos, A paisaxe de Rosalía, adicado á figura desta recoñecida poetisa galega. A actividade, organizada conxuntamente polo Servizo de Normalización Lingüística e a Biblioteca municipal, está pensada para nenos e nenas de entre 4 e 8 anos e require inscrición previa, un trámite que se pode realizar no mostrador da Biblioteca municipal ou chamando por teléfono ao número 981 382 173.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …