«Os descensos do desemprego reflicten que Galicia está no camiño da recuperación económica» (M. Tellado)

O portavoz do PPdeG, Miguel Tellado, apuntou esta mañá que «a estabilidade política que vivimos en Galicia permite que o paro continúe reducíndose na nosa comunidade mentres que España comeza xa a pagar as consecuencias da situación de incertidume na que se atopa actualmente».

Tras coñecerse esta mañá os datos do paro do mes de febreiro, o voceiro salientaba que «Galicia presenta un comportamento mellor que o Estado, tanto en termos interanuais como en relación co mes pasado. A falta de seguridade que hai nestes momentos con respecto ao futuro do Goberno do país empeza a notarse xa nos indicadores económicos», engadía.

Nese sentido, Tellado asegurou que «en Galicia mantense a estabilidade política que falta noutras comunidades autónomas e da que tamén carece nestes momentos o Estado». Así mesmo, incidiu en que aínda que é certo que as empresas son as responsables directas de baixar o paro, son os gobernos os que teñen a capacidade de crear un clima que permita que se desenvolvan iniciativas para xerar emprego como fai o Goberno da Xunta.

Tellado tamén puxo en valor que a nosa comunidade «pechase o mes de febreiro con 22.281 persoas desempregadas menos que hai un ano, o que supón unha baixada con respecto a febreiro de 2015 dun 8,65%». Ao mesmo tempo, tamén recordou que, en comparación con xaneiro deste ano, o paro tamén diminúe nun 0,50%, con 1.179 demandantes de emprego menos que o mes pasado.

Lonxe de amosarse triunfalista, o portavoz recoñeceu que «aínda queda moito por facer pero aseverou que si é un feito que os principais indicadores económicos reflicten que Galicia continúa cunha tendencia positiva que indica que nos atopamos no camiño da recuperación económica».

«Estamos a traballar e seguiremos facéndoo intensamente para que o desemprego continúe reducíndose», aseguraba o voceiro dos populares mentres recordaba que a realidade é que «hoxe a comunidade rexistra xa 28 meses de descenso consecutivo interanual que nos coloca a niveis de paro inferiores aos de febreiro de 2011, hai 5 anos; e que encadeamos xa tres anos consecutivos de baixadas do paro en febreiro».

Lea también

Este domingo alerta naranja por temporal en la costa coruñesa

Según información de la Agencia Estatal de Meteorología (Aemet) recogida por el Gobierno gallego, este …