A Xunta anima a asumir o reto que marca Europa para mellorar o mercado lácteo

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, compareceu esta tarde a petición propia no Parlamento co fin de facer balance das medidas que está a tomar a Xunta de Galicia a prol do sector lácteo e valorar os acordos de onte no Consello de Ministros de Agricultura da Unión Europea. Tras esta reunión, a titular autonómica entende que as organizacións de produtores, interprofesionais e cooperativas «teñen que dar pasos de cara a establecer acordos voluntarios para regular a produción de leite líquido, nun momento no que hai un forte desequilibrio entre a oferta e a demanda, unha actuación que dende agora si autorizará Bruxelas».

A titular autonómica, declarou que «Galicia precisa dunha soa organización produtora con músculo suficiente que sexa capaz de realizar a encomenda que lle fixo a Unión Europea». Neste camiño, Vázquez ofreceu o seu apoio e o de toda a Xunta para traballar da man co sector en todo o que precise.

Esta foi unha das medidas que se acordaron en Bruxelas, pero non a única. Os ministros de Agricultura decidiron tamén autorizar aos estados membros a aumentar as axudas ata 15.000 euros por gandeiro, así como apoiar os investimentos no sector agrícola a través do Banco Europeo e Fondo Europeo de Investimentos. Ademais, acordáronse achegas para a promoción dos produtos gandeiros e a apertura de mercados en terceiros países e estudar a concesión de créditos á exportación de lácteos.

Neste senso, Ángeles Vázquez valorou positivamente estes logros, que recollen parte das reivindicacións de España e Galicia porque «dotarán de estabilidade ao sector a medio prazo». Pese a iso, entende que «estas medidas non son suficientes», polo que seguirá defendendo outros mecanismos conxunturais e urxentes. Estas reivindicacións acordaranse sempre no seo do Plan de Fortalecemento do Sector Lácteo, un instrumento que pretende converterse na principal ferramenta de traballo para dotar de seguridade aos axentes implicados no leite.

A titular autonómica definiu esta mesa de traballo coma «o nexo de unión que faltaba entre toda a cadea de valor, vital para a toma de decisións á hora de dotar de estabilidade ao sector». Trátase do primeiro foro no que están representados todos os elos da cadea (produtores, industria, distribución…), así como expertos, científicos, técnicos e a propia administración.

Tras a súa constitución en marzo, volverase a reunir a principios de abril tanto para avanzar nas medidas a levar a cabo de forma urxente de cara á primavera, como para valorar os resultados do Consello de Ministros de Agricultura.

Un sector forte 

A modo de balance, Ángeles Vázquez lembrou as fortalezas que ten o sector en Galicia como son as nosas condicións edafoclimáticas, que permiten as mellores condicións para a produción de leite de calidade, o alto valor xenético e estatus sanitario da cabana leiteira e o sector profesionalizado e con boas instalacións, ademais dunha importante infraestrutura de recollida con empresas de transporte, compradores, centros de recollida, etc. Estas características permiten situar a Galicia como a primeira comunidade de España e novena rexión europea produtora de leite.

Pero para manter estas cifras, a conselleira deixou claro que «hai que facer fronte ás debilidades, como a falta de organización, a escasa transformación de leite e a necesidade de incrementar a base territorial das explotacións. En todas estas necesidades se está a traballar xa», matizou. Neste senso, na última convocatoria de axudas á transformación presentáronse proxectos por un importe superior aos 155 millóns de euros, o que demostra o interese da industria por Galicia.

Ademais, as explotacións seguen a redimensionarse e, fronte á desaparición das pequenas granxas sen relevo xeracional, crece o número de grandes empresas. De feito, aquelas que producen máis de 700.000 quilos ao ano aumentaron nun 205% nos últimos 8 exercicios.

Así, a conselleira insistiu en que «o sector lácteo está vivo e ten futuro, e proba diso é a elevada demanda que se está a rexistrar na orde de axudas para a mellora de explotacións e para a incorporación de mozos, para a que se tivo que ampliar o prazo de presentación ata o 2 de abril», dixo.

Por outra banda, a titular de Medio Rural lembrou que o prezo do leite estabilizouse en 28,8 céntimos/litro dende a entrada en vigor do Acordo Lácteo, para o que a conselleira apela ao seu desenvolvemento. Confirma ademais que decreto de cesión de prezos «segue adiante», polo que se conta co apoio do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Dende outubro, Galicia e Asturias foron as dúas únicas comunidades autónomas con vocación leiteira nas que se incrementou o prezo.

Lea también

La CIG convoca una quincena de manifestaciones el 1 de mayo por el «trabajo digno» y para decir «no a la guerra»

La movilización central será en A Coruña, saliendo desde a Praza de Vigo y en …