A Xunta de Galicia destaca a importante labor do sector vitivinícola galego

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, vén de recibir ao presidente e á xerente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Felicísimo Pereira e Cristina Alcalá, que lle trasladaron as necesidades e proxectos de futuro desta DO. Pola súa banda, a titular autonómica destacou a importante labor que realizan as empresas amparadas por este selo, non só no eido económico, senón como elemento dinamizador do rural.

Ángeles Vázquez sinalou que son este tipo de proxectos empresariais os que se necesitan para crear emprego, xerar valor e fixar poboación. Por iso, agradeceu aos representantes do Consello Regulador o seu traballo e as súas iniciativas de cara ao futuro, dado que os portavoces explicaron os proxectos previstos para os próximos meses. Entre eles, un relacionado co enoturismo e outro formativo para especializarse na cultura do viño e a súa vertente profesional.

O Consello Regulador do Ribeiro pretende ademais mellorar a xestión e manter os altos estándares en todos os elos da cadea de valor para ser competitivos no mercado, sempre apostando pola innovación e a especialización. A nivel comercial, seguirán potenciando as ventas tanto en Galicia como no resto de España, sen renunciar a un desenvolvemento sostido e constante no eido internacional.

Neste camiño, Vázquez comprometeu o apoio da consellería, como se vén facendo con todas as denominacións de orixe. No caso concreto do Ribeiro, no ano 2014 percibiu 500.000 euros tanto para o funcionamento, como control e promoción do produto. A DO Ribeiro é a máis antiga de Galicia e céntrase nos vales formados polos ríos Miño, Avia e Arnoia. Conta cunha extensión de 2.800 hectáreas de viñedo localizadas nos municipios de Arnoia, Beade, Boborás, Carballeda de Avia, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Ourense, Puxín, Ribadavia, San Amaro e Toén. En total, están inscritas 110 industrias e ata 5.812 produtores, que fabrican máis de 7 millóns de litros ao ano. O valor económico estimado é superior aos 18,3 millóns de euros.

Lea también

Avance en la mejora de la prestación de asistencia jurídica gratuita

La Xunta y el Consello da Avogacía Galega han pactado nuevas mejoras en la prestación …