A Xunta recibe do Concello de Pontedeume o plan xeral de ordenación municipal

A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, recibiu esta mañá ao alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro, quen fixo entrega ao Goberno autonómico do Plan Xeral de Ordenación Municipal para proceder á súa aprobación definitiva.

Encarnación Rivas trasladoulle ao rexedor municipal que agora a Xunta dispón dun prazo dun mes para comprobar a integridade documental do PXOM, composto polo expediente administrativo e o proxecto do documento de planeamento. Unha vez superado este trámite, tamén lle indicou que a Administración galega dispón dun prazo total tres meses para analizar o PXOM.

Colaboración técnica e económica

O PXOM de Pontedeume empezou a redactarse en marzo de 2004, tres anos despois o concello remitiuno á Xunta e, en xuño de 2007, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previo á aprobación inicial, sendo aprobado o documento polo Pleno municipal en novembro de 2009.

Tras a exposición pública e solicitude dos informes sectoriais, en marzo de 2014 o concello remitiuno á Xunta para aprobación definitiva. Ao non aportar a totalidade do documento, dende a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo propúxose a constitución dun grupo de traballo formado polos técnicos das dúas administracións e do equipo redactor, co fin de sacar adiante o documento completo.

Finalmente, o PXOM aprobouse provisionalmente no pleno municipal do 20 de maio de 2015 e, unhas semanas despois, foi remitido polo concello á Xunta que emitiu unha Orde de non aprobación o 23/12/2015, na que se sinalaban todas as deficiencias a corrixir.

Dende entón Xunta e Concello mantiveron varios encontros, que contaron coa asistencia dos técnicos das dúas administracións, máis o equipo redactor, para resolver dúbidas e consensuar criterios. O pasado 18 de marzo o concello volveu a aprobar definitivamente o PXOM que esta maña o alcalde achegou persoalmente á Secretaria Xeral, Encarnación Rivas.

A Xunta de Galicia destaca o apoio técnico a este proxecto de urbanismo, posto que se celebraron 12 reunións técnicas, así como económico, xa que a Consellería de Medio Ambiente concedeu axudas por importe de máis de 280.000 euros para a redacción do Plan xeral e dun Plan especial de rehabilitación do casco histórico.

Lea también

Ortigueira cerca de retener la inversión de 759.658 euros para el albergue y la reforma de O Murito

«A pesar de la petición del Estado de renunciar al dinero», tras la aprobación en …