O recinto feiral do Trece acollerá a sétima edición da Feira Multisectorial Agrícola

A concelleira de Feiras e Mercados do Concello de Narón, Mar Gómez, presentou esta mañá a sétima edición da Feira Multisectorial Agrícola que se celebrará esta fin de semana, o sábado e o domingo, no recinto feiral do Trece, na parroquia de Sedes.

«Preto de corenta de expositores procedentes de diferentes municipios da provincia amosarán aos visitantes as últimas novidades no sector», avanzou a edil naronesa. O horario de apertura do recinto será os dous días de 11 a 14 horas e desde as 16 ata as 20 horas. A edil naronesa explicou que como novidade, este ano haberá unha exposición de aves de corral.

O programa de actividades a desenvolver inclúe unha mostra de uso de maquinaria agrícola, talleres de poda e tamén actividades pensadas para os nenos e nenas, como obradoiros infantís (relacionados coa agricultura e o medio ambiente) e un área de ludoteca. Tamén haberá unha zona de restauración, onde se poderá degustar pulpo. O domingo en horario de mañá haberá unha sesión vermú para amenizar este evento.

Os visitantes poderán ver e adquirir as últimas novidades en maquinaria agrícola, aves de corral, diversas especies de plantas e árbores froiteiras e ornamentais, doces artesáns, alimentos ecolóxicos e artículos de coiro, barro e madeira, así como alimentos para animais.

As persoas que se despracen á feira, sendo a entrada de balde, participarán tanto o sábado como o domingo no sorteo de diferentes agasallos. Coas compras realizadas, recibirán un tícket co que poderán obter diferentes artículos que permanecerán á venta na feira.

A concelleira de Feiras e Mercados destacou a importancia desta convocatoria, que «posibilitará a produtores e empresarios amosar diferentes produtos, especies e maquinaria e estar en contacto con outros profesionais do  sector». Así mesmo, Gómez animou á veciñanza a acudir a esta convocatoria, incidindo na variedade da programación deste ano e tamén na cantidade e calidade dos expositores, aos que agradeceu a súa participación.

Lea también

Contacontos no CPR Santiago Apóstol de Narón

A escritora e mestra, Paula Merlán, visitou na xornada deste xoves aos alumnos e alumnas …