A Xunta colaborará co Concello das Pontes na redacción dun PXOM adaptado

A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, recibiu esta mañá ao concelleiro de urbanismo das Pontes de García Rodríguez, Antonio Alonso Román, co fin de tratar a adaptación do PXOM en trámite á nova Lei 2/2016 do Solo de Galicia.

O concelleiro, que asistiu acompañado dun técnico do equipo redactor, trasladou o novo impulso que dende o concello se lle está a dar ao PXOM para poñer fin ás normas subsidiarias de planeamento, vixentes dende hai máis de tres décadas. As previsións que manexa o concello pasan por que a aprobación definitiva do PXOM, que planificará e ordenará o futuro do municipio, sexa unha unha realidade a finais do vindeiro ano 2017.

Neste senso Alonso Román tamén trasladou que, paralelamente á redacción do PXOM, o concello pretende impulsar unha modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento vixentes (aprobadas definitivamente o 18/04/2015) para dar un novo tratamento á fachada do lago e recuperación do entorno. Rivas Díaz, considerou que este proxecto, pola súa entidade, debe inserirse no PXOM e recomendou ao concello que aproveitase a tramitación do PXOM para darlle o tratamento adecuado.

Axilidade e eficacia

A secretaria xeral, Encarnación Rivas, comunicou que a nova Lei 2/2016 do Solo de Galicia, que entrou en vigor o pasado 19 de marzo, actúa sobre os 2 principais focos que ata o momento retrasaban a tramitación do PXOM.

A nova Lei 2/2016 do Solo de Galicia simplifica e axiliza a tramitación dos planeamentos ao unificar o procedemento urbanístico co ambiental e ao reducir, de 2 meses a un, o prazo do que dispón o Instituto de Estudos do Territorio para facilitar a documentación que soliciten os concellos para iniciar a redacción do PXOM.

Rivas Díaz tamén destacou que «agora o informe previo á aprobación inicial que emite a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo convértese nunha consulta máis dentro da fase tramitación ambiental, o que axiliza considerablemente os tempos ao concentrar as dúas vías que antes discorrían paralelas (ambiental e urbanística) nun único procedemento».

A Xunta de Galicia destaca o apoio técnico e económico a este documento que planificará o desenvolvemento deste concello, para o cal concedeu axudas por importe de 181.000 euros.

Lea también

Confirmación das datas do I festival «Pontedeume vila do libro»

O Concello de Pontedeume converterase este ano na primeira vila do libro galega, un proxecto …