Nenos de Narón plantaron árbores no paseo marítimo de Xuvia

naron-plantación XuviaUnha trintena de nenos e nenas de entre cinco e seis anos do colexio Virxe do Mar, de Narón, participaron na mañá deste sábado na plantación de árbores que a Asociación Xuvenil de Tempo Libre «Croio» e o Concello de Narón organizaron no paseo marítimo de Xuvia. En total plantáronse corenta árbores na zona, de especies como o «liquidámbar», o «acivro», «magnolio» ou «loureiro portuxés», entre outras. O alumnado implicouse na tarefa a pesar da choiva das primeiras horas desta mañá, que non impediu desenvolver a actividade prevista.

Acompañados dos seus pais e nais, presentáronse na zona –á altura da parte traseira da igrexa de Santa Rita- sobre as 11.30 da mañá, para recibir as explicacións pertinentes sobre cómo plantar as árbores. Uns minutos máis tarde comezou a actividade, na que tamén participaron activamente varios edís da corporación local naronesa.

Cada unha das árbores leva un distintivo co nome da especie e das persoas que colaboraron na súa plantación. Ao finalizar o traballo, os nenos e nenas tomaron un refrixerio e recibiron uns agasallos institucionais: unha gorra, o libro «Coñecer Narón en nove itinerarios» e unha placa conmemorativa desta actividade, na que figura o nome de cada un dos menores.

 

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …