Rey Varela visitou o Fogar María Inmaculada que acolle menores en situación de risco social

Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña
Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá o Fogar María Inmaculada, un centro de iniciativa social dirixido pola Congregación de Relixiosas de María Inmaculada que ten como finalidade a protección de menores en situación de desestruturación familiar, abandono ou risco social. Á visita tamén acudiu a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez.

A Xunta de Galicia, no exercicio das súas competencias en materia de protección de menores, mantén un contrato con este centro para o mantemento de 32 prazas concertadas, das que dúas son de día, e polo que a administración autonómica aporta un orzamento de 555.866,16 euros en 2016.

A pesar de que o contrato do centro rexistra a atención a menores con idades comprendidas entre os 3 e os 18 anos, a poboación atendida normalmente abrangueu a menores de 5 a 18 anos. Ademais, en moitos casos aceptan menores que amosan algún tipo de discapacidade, ben sexa física ou intelectual; en concreto , ao longo do ano traballaron con 5 menores que amosaron algún tipo de discapacidade intelectual, que vai acompañada nalgún deles por deficiencia física, así como a atención e coidados específicos que precisa unha nena que padece a enfermidade crónica de diabetes.

Este complexo residencial está formado por un pazo e dous pavillóns independentes ubicados nunha finca con espazos verdes que favorecen a posibilidade de esparcemento e recreo. Un dos pavillóns alberga catro fogares con capacidade para dez nenos cada un deles e cos servizos precisos para que, en cada fogar, se propicie unha normalización da vida cotiá a través da convivencia. Deste xeito, cada fogar conta con dúas educadoras e unha coidadora.

Tras visitar as instalacións Rey Varela agradeceu o traballo que se realiza no centro «para proporcionar aos menores unha atención e formación integral de calidade, para que no seu futuro acaden un desenvolvemento persoal e social óptimo», manifestou.

Programa Mentor

O Fogar María Inmaculada colabora co Programa Mentor da Xunta de Galicia co que se traballa a capacitación para a vida independente do menor, tanto laboral, como social. Grazas a este programa, un técnico acude regularmente ao centro para ofrecer formación individual e colectiva aos rapaces e rapazas.

A Consellería de Política Social destina máis de seis millóns de euros para inserción sociolaboral de mozos e mozas en risco de exclusión a través deste programa, cun contrato inicial que se prolonga ata o ano 2019. En concreto, no que se refire ao ano 2016, o orzamento do programa ascende a 1.616.422,14 euros, o que supón un incremento de máis de 30.000 euros con respecto ao do ano 2015.

Na actualidade, no tocante a recursos, ademais dos equipamentos de inserción sociolaboral, o Programa conta co traballo de 31 profesionais e 55 persoas voluntarias que colaboran na acción.

O Programa Mentor naceu na comunidade autónoma galega no ano 1998 como un programa unicamente de inserción laboral para menores tutelado. Progresivamente foron incrementándose os beneficiarios e obxectivos, sendo agora unha actuación máis integral. No ano 2015, un total de 478 mozos e mozas se beneficiaron do programa, dos que 72 foron usuarios de recursos residenciais.

Lea también

La unidad UIFO de la Xunta identifica al presunto autor de varios incendios en Calvos de Randín

Tras un trabajo de investigación desde que se produce el primero de los incendios el …