A parroquia de Pedroso celebra a popular «Romaría da O»

A concelleira de Cultura, Marián Ferreiro; os edís de Seguridade Cidadá e Deportes, Guillermo Sánchez Fojo e Román Romero, respectivamente, e o presidente da Asociación de Veciños Virxe da O, de Pedroso, Roberto Bouza, presentaron esta mañá o programa de actos a desenvolver na citada parroquia con motivo da Romaría da O, que terá lugar o vindeiro 8 de maio, aínda que o programa festivo comezará a desenvolverse o 30 de abril, según apuntou a edil de Cultura.

Será ese primeiro día de festa cando se inaugure exposición fotográfica sobre Pedroso e a súa xente no século XX, cunhas duascentas imaxes, no local social da Pombiña. Pola tarde, a partir das 17 horas comezará un obradoiro no que se elaborarán as roscas de pan polas que se poxará, como marca a tradición, o domingo 8 de maio na sesión vermú. A actividade do primeiro día de festa continuará ás 20 horas, cunha Parodia da Romaría da O a cargo do Grupo de Teatro da Pombiña.

O venres 6 de maio retomaranse os actos festivos, cunha Marcha Cicloturista na que participarán escolares do colexio de San Sadurniño, do Virxe do Mar e do CRA de Pedroso, estes dous últimos de Narón. O alumnado dos dous centros chegará en bici a Pedroso desde San Sadurniño, ao saír os de Narón en tren cara ao municipio veciño ás 11 horas e reunirse alí co de San Sadurniño para partir xuntos, co Equipo de Educación Vial de Narón, en dirección á capela.

As celebracións litúrxicas e a música darán continuidade a este programa o sábado 7 e o domingo 8 de maio. Os dous días haberá misa cada hora entre as 9 e as 13 horas –esta última campestre e con procesión- na capela da O e o domingo tamén ás 17 horas. A sesión vermú do sábado correrá a cargo do vocalista Diego Alma, concursante do programa Recantos, da TVG e na verbena nocturna estarán as agrupacións Pecados e Fania Blanco Show.

O domingo celebrarase a tradicional peregrinación desde o mosteiro do Couto ata a capela da O (convócase por terceiro ano), que comezará ás 9 horas e consiste nun percorrido a pé estimado dunhas dúas horas. Unha das novidades é a colaboración nesta actividade da Concellerías de Deportes e Seguridade Cidadá de Narón que, como indicou Román Romero, «prestarán apoio con monitores e cun desfibrilador como medida de seguridade».

As persoas interesadas en realizar esta camiñata –que nun tramo se xuntará con outros romeiros procedentes de Narahío e do Val- deberán anotarse no local social da Pombiña. «Os que completen o traxecto percibirán unha “O”, unha especie de compostelana acreditando a súa peregrinación», explicou Roberto Bouza.

Ás 12.30 horas terá lugar a tradicional procesión dos roscos de pan –realizará a poxa un grupo das Escolas de Teatro de Narón-, desde o local da Sociedade Cultural e Recreativa da Pombiña cara ao campo da festa, un traxecto no que os asistentes estarán acompañados polo Grupo de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón, que amenizará o percorrido. Na sesión vermú participará o grupo de música tradicional No Cómbaro. Pola tarde haberá música e baile, con actuacións do alumnado das Escolas de Baile e Música Tradicional do Padroado da Cultura de Narón; xogos populares e bautismos de aeromodelismo xunto ao campo da festa, a cargo do grupo de aeromodelismo da Pombiña.

Os romeiros que o desexen poderán comer o día 8 baixo unha das dúas carpas que se ubicarán no campo da festa a prezos populares. O menú, a base de churrasco, liscos, chourizo, bebida, postre e café ten un prezo de 15 euros para os adultos e de cinco para nenos de ata dez anos. Os tickets poden adquirirse o día da romaría ou anticipadamente no local social da Pombiña, se ben se fan reservas en Maxipedroso ou chamando ao número de teléfono 659 468 455.

Roberto Bouza agradeceu a colaboración que prestan o Concello de Narón, a Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña e o Grupo de Traballo de Pedroso, así como outras entidades que participan neste evento, ao que acudiron o pasado ano, dixo, unhas 3.000 persoas.

A concelleira de Cultura destacou a «calidade do programa e tamén o traballo realizado polas diferentes entidades da parroquia de Pedroso para manter viva esta tradición». Marián Ferreiro incidiu «na gran variedade de actos contemplados no programa para os días de festa» e animou á veciñanza da localidade e da comarca a sumarse a esta convocatoria festiva, con actividades pensadas para persoas de diferentes idades.

Lea también

A Biblioteca de Narón e a Axencia de Lectura da Gándara retoman “Trocolibro”

A Biblioteca de Narón e a Axencia de Lectura da Gándara retoman dende este luns …