A Xunta mantén o seu esforzo contra a loita de incendios a través do Pladiga 2016

O Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga 2016) blinda o dispositivo de loita contra o lume en relación con anos anteriores. Este plan, que foi analizado onte polo Consello Forestal de Galicia, ten como principal obxectivo reducir ao mínimo posible os danos ecolóxicos, económicos e sociais producidos polos lumes forestais na nosa comunidade, dentro dos recursos dispoñibles. Ademais, incorpora unha serie de obxectivos específicos orientados a diminuír o número de lumes, o seu tamaño e a superficie afectada, tanto arborada como rasa.

As principais novidades deste plan para o 2016 pasan pola ampliación a 3 anos da duración do convenio entre Medio Rural e as entidades locais para a súa participación na prevención e defensa contra os lumes e pola creación e regulación da figura das agrupacións de defensa contra incendios forestais. Trátase de promover as organizacións de voluntarios e as asociacións relacionadas co medio rural e o medio forestal e a súa implicación na defensa contra os incendios.

Neste novo Pladiga tamén hai unha aposta por poñer en marcha o proceso de análise da relación entre usos do territorio e lumes forestais nas parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) para a definición e concreción das medidas a implantar.

En materia normativa, dentro desta planificación contémplase a elaboración do decreto de desenvolvemento da lei 3/2007 de defensa contra incendios forestais, no relativo ao uso do lume en áreas recreativas, comunicacións e autorizacións de queimas, criterios de xestión das faixas de xestión de biomasa e o seu tratamento.

Outros aspectos incluídos no Pladiga 2016 están relacionados coas obras de adecuación para a homologación das bases de medios aéreos e o mantemento do esforzo de renovación de equipamentos (dende o ano 2013 renováronse un total de 85 camións de extinción). Ademais, está prevista a posta en marcha dun novo sistema dixital de comunicacións, integrado na rede galega de emerxencias, e a posta en funcionamento do novo programa informático de xestión integral de incendios en tempo real. A maiores, intensificaranse os esforzos no plan de concienciación e divulgación.

Efectivos

Nesta planificación mantense a previsión de dispoñer duns 5.700 efectivos da Xunta na tempada de alto risco de lumes, reforzados por persoal do Ministerio, do Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado ata completar un operativo de máis de 7.000 efectivos. Ademais, contarase con arredor dunha trintena de medios aéreos –entre os propios da Xunta e os que aporta o Estado– e 360 motobombas da Xunta, dos concellos e dos parques de bombeiros, aos que se engaden cisternas, pas e outros vehículos. Os integrantes do Consello Forestal disporán agora dun prazo de quince días para presentar achegas ao Pladiga 2016, que se presentou de xeito provisional e aberto a modificacións, ata a súa aprobación definitiva polo Goberno galego.

Lea también

Asotrame impulsa una jornada para poner cara al cáncer hematológico

La Asociación gallega de trasplantados de médula ósea (Asotrame) organiza este viernes 26 de abril, …