Alumnos da Escola de Teatro de Narón subiranse ao escenario do Pazo da Cultura

Os alumnos de terceiro curso da Escola de Teatro de Narón subiranse ao escenario do Pazo da Cultura este xoves, día 5, para representar a obra O único que hai que facer é saltar sobre a lúa. A iniciativa enmárcase no programa de actuacións que realiza o alumnado das Escolas do Padroado da Cultura do curso 2015/2016. A representación deste xoves terá lugar no Pazo da Cultura a partir das 20:30 horas.

Esta obra musical está dirixida por Celia González, profesora da Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón. Trátase dun traballo de investigación escolar no que os oito alumnos do último curso da Escola de Teatro cantarán e bailarán varios temas da historia do teatro musical.

Celia Gómez propuxo ao alumnado que elixise musicais para posteriormente iniciar unha tarefa de investigación sobre datos curiosos dos mesmos e, a partir de aí, a docente procedeu a montar os números de canto e baile. Jesucristo Superstar, Funny Girl e Los miserables foron algúns dos escollidos polos rapaces, que cantarán temas en versión orixinal ou galega, dependendo da peza. Sobre o escenario haberá tamén dous músicos para os temas dos espectáculos en directo: Francisco Couce, percusionista con caixón andaluz e pianista, e Xoán Padín, guitarrista. Os diferentes números iranse sucedendo a través dun nexo entre eles a través da aportación deses datos curiosos que buscaron os alumnos e alumnas sobre os diferentes musicais a interpretar nesta convocatoria.

A actividade ten unha duración total dunha hora e as persoas interesadas poderán xa recoller as entradas, de balde, na billeteira do Pazo da Cultura en horario de 10: 30 a 14 e de 18 a 20.,30 horas.

As oito persoas matriculadas no último curso da Escola de Formación de Actrices de Narón completarán co remate das clases deste ano o ciclo de 1.500 horas formativas, ás que hai que sumar as correspondentes ás actividades complementarias que se desenvolven durante o curso.

Lea también

Charlas dirixidas a familias con menores matriculados nas escolas infantís de Narón

A edil de Ensino do Concello de Narón, Olga Ameneiro, informou que os días 22 …