O Concello de Narón presenta o programa do Día das Letras Galegas

O Concello de Narón conmemorará con varios actos o Día das Letras Galegas, que se celebra o vindeiro 17 de maio e este ano está adicado ao poeta lucense Manuel María. As actividades contempladas no programa comezarán a desenvolverse o 14 de maio e rematarán na xornada do día 17. Os concelleiros de Ensino e Bibliotecas, Cultura e Deportes, Mercedes Taibo, Marián Ferreiro e Román Romero, respectivamente, presentaron hoxe a programación.

A concelleira de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, anunciou a primeira das actividades, que terá lugar o sábado, día 14 de maio, co espectáculo Poemas e contos con Manuel María, a cargo da contadora e ilustradora de contos Marisa Irimia. A convocatoria, que comezará ás 11 horas na Biblioteca municipal, diríxese a nenos a partir de catro anos.

Os asistentes terán a oportunidade de ver un espectáculo no que se combinan poemas do autor cunha serie de contos relacionados coa súa obra e música de violín. As persoas interesadas en participar deben ter o carné da Biblioteca e terán que anotarse previamente, a partir do martes 10 de maio, nas citadas instalacións ou chamando ao número de teléfono 981 382 173. Taibo incidiu en que con esta convocatoria «tratamos de inculcar aos nenos e nenas a importancia da nosa cultura e tamén dar a coñecer algúns dos escritores e poetas máis relevantes de Galicia, entre eles o homenaxeado, Manuel María, ao tempo que fomentar o uso da lingua galega».

O resto das actividades do programa terán lugar o 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas. Ás 10 horas partirá desde a praza da Gándara ata o mosteiro do Couto e o muíño das Aceñas a 1ª Andaina polas Letras, para regresar de novo á Gándara sobre as 12.30 horas. O traxecto é duns doce quilómetros e estará amenizado por un grupo do Padroado da Cultura, que animará a xornada tocando pezas de música tradicional galega. Esta actividade require tamén inscrición previa, ata o 13 de maio, no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón  ou no Padroado de Deportes da localidade, con oficinas no pavillón polideportivo da Gándara. O concelleiro de Deportes subliñou que se trata dunha cita «cun marcado carácter deportivo pero adaptada para persoas de diferentes idades e, sobre todo, pensada para dar a coñecer parte do patrimonio histórico e natural de Narón nesta data tan sinalada».

A programación do Día das Letras Galegas continuará a mesma tarde do día 17, xornada na que permanecerá instalada na praza de Galicia unha Biblioteca na rúa, entre as 17 e as 19:30 horas. Na mesma permanecerán expostas obras de Manuel María e tamén doutras figuras da literatura galega que foron homenaxeadas o Día das Letras Galegas. Así mesmo, haberá enredos e xogos infantís populares para os nenos e nenas; un photocall de Manuel María no que se poderán sacar fotografías e tamén terá lugar a actuación do Coro Solidario do IES Terra de Trasancos. No caso de que as condicións meteorolóxicas sexan adversas, as actividades desa tarde trasladaranse ao pavillón municipal de Piñeiros.

Para rematar o programa, o propio Día das Letras Galegas terán lugar os concertos de Os Resentidos e a Lira de Rivadavia no Pazo da Cultura a partir das 19 horas. O espectáculo da Banda máis antiga de Galicia e do grupo pioneiro do rock en galego repasarán o repertorio dos Resentidos, con novas creacións e versións para homenaxear á tradición galega da música de verbena e das festas populares. O prezo das entradas, xa están á venta na taquilla do Pazo, é de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para abonados, persoas con carné xove ou de estudante e desempregados. A edil de Cultura, Marián Ferreiro, destacou a calidade deste espectáculo, que «representará unha moi boa oportunidade no Día das Letras Galegas para contribuír á posta en valor da nosa cultura en xeral e, en particular, da música tradicional galega».

Os edís naroneses convidaron á veciñanza a participar nas diferentes actividades programadas con motivo do Día das Letras Galegas na localidade  «nas que non faltarán actividades para persoas de moi diversas idades», destacaron.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …