O BNG de Narón reclámalle á Xunta a construción dunha nova escola infantil no municipio

naron-bng-13-5O portavoz do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Narón, Pablo Villamar, e a concelleira de Promoción Social e Igualdade, Teresa Sabio, presentaron este venres unha moción para o seu debate no pleno ordinario do 26 de maio na que lle reclaman á Xunta a construción dunha nova escola infantil no municipio.

A formación nacionalista considera que o crecemento poboacional experimentado nas dúas últimas décadas no concello é «por si mesmo un motivo máis que suficiente para xustificar esa demanda» , sinalou Sabio. De feito, o texto da moción recolle os datos do Instituto Galego de Estatística que reflicten este incremento: «No ano 1991, o número de menores de 4 anos residentes en Narón era de 1.174; en 2011 esa cifra alcanzou os 2.142, isto é, o 82% máis» .

Nestes anos, lembrou Pablo Villamar, o Concello impulsou a construción de catro escolas infantís, un esforzo «máis que digno»  que, porén, «segue a ser insuficiente para atender a demanda de prazas públicas de 0 a 3 anos» . Nesa liña, o voceiro nacionalista no Concello engadiu que «todas as informacións apuntan que arredor dun cento de familias naronesas quedarán sen praza» . «Por iso» , explicou, «segue a ter vixencia unha demanda que o BNG asume desde hai moitos anos e que agora encaixa perfectamente no anuncio que vén de facer o Goberno galego de subvencionar a construción de escolas infantís nos parques empresariais» .

Para o BNG, expuxo a edila de Promoción Social, Teresa Sabio, a reivindicación de máis prazas de escolas infantís conecta con este anuncio, «porque sempre solicitamos que se fixese unha na contorna do polígono industrial do Río do Pozo, que, malia o descenso da actividade empresarial nos últimos tempos por mor da crise, segue a ser unha das zonas do concello e da comarca con máis dinamismo e con maior demanda deste servizo clave para a conciliación da vida persoal e familiar» .

O portavoz do grupo municipal do BNG informou ademais que nos vindeiros días principiarán as conversas cos responsábeis da Asociación Empresarial do polígono Río do Pozo e que a disposición a colaborar con eles neste proxecto «é absoluta» , polo que reclama á Xunta de Galiza que inclúa o municipio nesa convocatoria que aínda está sen publicar no Diario Oficial de Galiza.

Finalmente, o BNG defende que o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar estenda a política encetada coa escola infantil de Xuvia este curso aos outros tres centrosA Solaina, A Gándara e Piñeiros- que están a ser xestionados polo propio Concello, unha situación que, lembrou, segue a ser atípica no conxunto do país. «Non é competencia da administración local e por iso reclamámoslle que estude a posibilidade de incluír estas tres escolas na súa rede de escolas infantís públicas» , manifestou Sabio.

Lea también

Ferreiro e Rey Varela valoran a desmontaxe das líneas de alta tensión entre Narón e Ferrol

UFD, a distribuidora eléctrica de Naturgy, está a finalizar o desmonte das dúas liñas de …