Fernando Barroso, guitarrista ferrolán presenta o seu primeiro traballo en solitario

fernando barrosoO guitarrista ferrolán presenta este mércores, día 18,  o seu primeiro traballo en solitario: Intropía

Fernando Barroso sinala que «As experiencias enriquecen cando se acompañan dun paseo interior» 
Barroso, multi-instrumentista de corda pulsada, compositor e produtor, lanza un álbum de autor con 17 temas propios e máis de 30 instrumentos distintos, dende bouzouki, a mandolina ou cavaquinhos
Crea unha nova sonoridade no panorama musical galego

«As experiencias enriquecen cando se acompañan dun paseo interior» , expresa o músico galego Fernando Barroso, que vén de lanzar o seu primeiro traballo en solitario ao mercado.

A súa «ópera prima» leva o nome de Intropía, con 17 temas propios e unha innovadora sonoridade no ámbito do folk sinfónico. O músico, compositor e produtor de Ferrol describe con este traballo vivencias e a súa evolución interior nos últimos anos «ante a necesidade de ordenar ideas nun momento no que todo avanza moi de présa», segundo o autor. Este disco abre unha porta para a carreira en solitario do músico.

«Intropía é unha forma de definir ese caos interno que ás veces nos pode complicar a vida e que ás veces pode ser marabilloso» , describe Fernando Barroso (Ferrol, 1979). Entropía Cero, Tranquila, Driving Vigo night, Dama do Castro, Namorados no andén, Resistencia, Lisboa 9 p.m., Pulsación ou Petit déjeuner, son algúns dos temas que Barroso inclúe neste primeiro traballo, gravado entre xaneiro e marzo deste ano nos Estudios do Cuarto Baleiro (Salceda de Caselas), Bastavaliños, Tui, Lisboa, Bandeira, Moaña, Gandarío e Sant Boi de Llobregat.

Guitarrista vocacional, Barroso é multi-instrumentista de corda pulsada e neste disco, con predominio de corda e percusión, toca guitarras (eléctrica, acústica, clásica ou portuguesa, de Lisboa), cavaquinho portugués, mandola, mandolina, bouzouki irlandés, baixo, teclados ou piano, e percusións adicionais.

«Apetecíame achegarme a Ferrolterra (como mostra a portada do disco) para contar todas estas historias que tiña na cabeza, e metelas nun disco» , conta Barroso, que apunta: «xa que nunca tiven a osadía de cantar, decidín intentar facer falar aos instrumentos» .

No primeiro disco en solitario do músico galego, resultado dun ano e medio de reflexión, composición e produción, soan tamén adufes, pandeiretas, tixolas, batería, violíns, gaitas, trompetas, acordeóns, cello, low whistle, arpa céltica, bombo, bendhir, tambor ou djembé, ademais de voces. Colaboran en Intropía intérpretes e instrumentistas do nivel de Xabier Díaz, Isaac Palacín, Xosé Manuel Budiño, Ramón Dopico, Begoña Riobó, Anais Barbier, Pedro Fariñas, Manuel Paíno, Ana Isabel Días, Óscar Fernández, Miguel de Dios, Alfonso Merino, Pablo Dalama,Margarida Mariño, Beatriz Martínez ou os gaiteiros dos 90′ da Coruña (José Catoira, Brais Maceiras, Antonio Prado…).

O novo disco do músico ferrolá, un traballo de autor que creará unha nova atmosfera musical coa combinación melódica de máis de 30 instrumentos distintos, foi mesturado entre o propio Barroso e Tomás Ageitos e masterizado por Dr. Chou.

Traxectoria de Fernando Barroso (Ferrol, 1979)

O artista galego Barroso forma parte de bandas como Riobó, Budiño e TRIM e ten colaborado con músicos como Anxo Lorenzo, Xabier Díaz e Julio Pereira. Foi parte da banda «paratradicional» ferrolá Os Cempés.

Cos músicos Eoghan Neff e Luis Peixoto fundou o trío internacional Assembly Point. Con Peixoto, músico portugués, tamén coproduciu traballos como POP, no ano 2013, ou TRIM, en 2014.

Barroso é doctorado en Química-Fisica pola Universidade de Vigo no ano 2010 e dende 2011 dedícase á produción musical e á participación en varios proxectos do panorama musical galego, con numerosas actuacións tanto no ámbito nacional coma en países de Europa, África e América.

Lea también

Ares entrega os premios do IV Concurso de Escritura Creativa de Microrrelatos Escolares

Concello de Ares e CPI As Mirandas entregaron esta semana os premios do IV Concurso …