Baixa a pobreza?

miguel anjoMiguel Anjo González García

O presidente do estado español e presidente do PP vén de anunciar no parlamento hai uns meses que a pobreza en España está a remitir segundo un suposto informe de Eurostat. O Sr. Raxoi di isto con total naturalidade sen nin sequera poñerse colorado, ben ante un total descoñecemento da situación do reino de España ou ben falseando a realidade, sendo esta última opción a máis segura. Non hai moitas datas a ONG da igrexa católica Cáritas diocesana, viña de facer un informe avisando ao goberno do PP de que a pobreza no estado español acadaba límites descomunais, sendo España o segundo país líder en pobreza infantil da UE e cun 60% da poboación en situación de emerxencia social (case trece millóns de cidadáns do estado están en risco de pobreza), sen contar os dous millóns que tiveron que emigrar para poder comer.

Mais na Galiza a cousa anda peor. Dunha poboación que non chega aos tres millóns de habitantes máis de setecentos mil teñen serios problemas para pagar a factura da luz, e cerca doutros setecentos mil están en risco de exclusión social, ante a total incompetencia e submisión ao poder central do Sr. Feixoo e o seu goberno, o cal o único que sabe facer é subvencionar medios de comunicación afíns ao seu partido, afíns á dereita, para que falen ben do goberno ou desbaldir 400 mil euros en patrocinar un vídeo clip dun artista que o único que ten con Galiza é que a terra do “pae” do seu “pae”, no cal aparece Galiza tres segundos. O Sr. Feixoo mentres que fai isto cunha man, coa outra denega as axudas que dende a oposición lle solicitan para as familias que non poden asumir o recibo da luz, como ten pedido o BNG a través de Carme Adán, ou tamén denegar o acceso aos novos fármacos para os afectados da hepatite C (curan no 90 x100 dos casos) que se lle está a pedir dende o BNG, o estamento médico e a maior parte da sociedade galega.

Se en toda Galiza a cousa anda mal, a nosa comarca lévase a palma. Unha comarca onde ano tras ano á xente moza en idade de traballar non lle queda outro remedio que emigrar se quere formar unha vida. Unha comarca que xa ten máis poboación inactiva que activa, onde hai máis desempregados que xente con traballo e onde hai máis xubilados e pensionistas que xente cotizando. Unha comarca onde a pouca empresa que sobrevive, a cal non desmantelou o goberno central do PP coas súas decisións, non para de facer EREs. Uns estaleiros (ASTANO) que a pesar de que xa finalizou o castigo da UE para que puidesen producir, non teñen miras de ocupación ante a total despreocupación do goberno galego e o goberno do estado, os cales ante as decisións que toman dan a entender que pasan olimpicamente desta comarca e desta terra. Unha comarca que no caso da cidade de Ferrol tivo un alcalde, o Sr. Rey Varela, que non se lle ocorreu outra cousa que pasar unha nova taxa á veciñanza, esta vez polo saneamento da ría, cando este saneamento tiña que ser asumido polo goberno central e a UE. Cabe recordar que o novo goberno que hai en FERROL prometeu anular a taxa e devolver os cartos inxustamente cobrados á veciñanza. Mais onde dixen digo digo Diego, e como di o arquitecto e líder do BNG no Ferrol estamos ante un goberno continuísta coas políticas do PP. Parece que todo o que loitaron contra o PP cando estaban na oposición xa o esqueceron, e nisto da taxa parece que o de devolvela “rien de rien”. Non se dá de conta o PP e o novo goberno que a situación da veciñanza en Ferrol non dá máis de si.

Pensando pensando, ao mellor o presidente español fala de que en España empezou o despegue e baixa a pobreza referíndose a que dende que chegou ao goberno o PP as grandes fortunas son un 60% máis ricas, a pesar da crise, e ademais a evasión fiscal a terceiros países aumentou e dáse con total permisividade, por falta de medios para combatela, segundo denunciou o principal sindicato español de inspectores fiscais, sendo isto curioso, xa que o PP prohibiu unha consulta popular en Catalunya que tiña como finalidade saber se os cataláns querían saír do reino de España, mais si deixa que saian de España as grandes fortunas as cales, na maior parte dos casos, alardean de españolismo. En fin, ao mellor é certo o chiste que nunha rede social se facía con respecto á fuga de capitais: “España capital Zurich”.
Xa para rematar, esperemos por ben da nosa comarca, de Galiza e do estado español, ante a repetición do novo reto democrático das próximas eleccións ao estado, que a xente acuda a votar e dea unha lección de democracia a estes gobernos do PP que o único que fixeron ben foi restrinxir liberdades, anular dereitos que se conseguiran a base de moita suor e sangue, endebedarnos a límites insospeitados coa única finalidade de favorecer aos poderosos e crear unhas bolsas de pobreza nunca vistas dende a chegada da democracia, xa que todo o que prometeron para conquistar o poder quedou en que se dedicaron a facer todo o contrario.

 

Lea también

Noites craras do luar-Antes de pedir reprobaciones…mírense al espejo

José Luis Álvarez Con la benevolencia del director de Galicia Ártabra reanudo mis comentarios de …