A Xunta asigna a aprobación definitva do PXOM de Pontedeume

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinou esta mañá a orde de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) de Pontedeume que, entre outras novidades, paliará o déficit de espazos públicos do litoral, e reforzará e mellorará a rede viaria.

Mato considerou que esta aprobación definitiva «é un motivo de satisfacción, en tanto permitirá a Pontedeume contar cun planeamento actualizado e de calidade, que substituirá así ás normas vixentes actualmente, que contan con 30 anos de antigüidade».

Sobre o contido deste novo PXOM, a conselleira fixo fincapé en que impulsará os espazos públicos no litoral, a través da ampliación da área recreativa do Castelo de Andrade; do acondicionamento da fronte marítima do núcleo urbano de Ver; e da inclusión de pequenos espazos públicos no paseo marítimo de Pontedeume.

Ademais, a conselleira sinalou que o documento fai unha proposta de reforzo e mellora da rede viaria, co obxectivo de eliminar do centro da vila o tráfico xerado polas visitas ao Parque natural das Fragas do Eume nas épocas de maior afluencia. Este espazo natural tamén contará cunha especial atención, xa que o planeamento aposta pola defensa dos valores naturais e medio ambientais, así como pola posta en valor do patrimonio arquitectónico da localidade.

Así mesmo, o PXOM promove a actividade económica, ao establecer unha reserva de solo de carácter empresarial, en Vidreiro, acorde coas demandas dos empresarios locais. Contempla tamén a regularización de Leite Celta e EINSA.

A conselleira concretou que o novo planeamento recolle tres núcleos urbanos: Pontedeume, Ver e A Herbosa, sendo estes dous últimos de novo recoñecemento, xa que nas anteriores normas non eran considerados como urbanos. A estes, súmanse 59 núcleos rurais, onde se concentra a maior parte (55%) do crecemento previsto polo planeamento. De feito, o PXOM prevé un crecemento sostible do concello, que absorba os posibles incrementos de poboación dentro dun marco ordenado.

Cabe destacar que o documento contempla a redacción dun Plan especial de reforma interior para o caso histórico de Pontedeume, que vai garantir a mellor conservación deste espazo.

 

A conselleira resaltou a relevancia que supón a aprobación dun PXOM, que aporta seguridade xurídica e permite aos concellos dispoñer dunha ordenación da máxima calidade.

Por iso, o Goberno galego leva facendo unha importante aposta desde 2009 para impulsar estes instrumentos. En 2009 eran 33 os concellos cun PXOM actualizado, e agora xa son 88. Polo tanto, o de Pontedeume é o planeamento número 55 aprobado pola actual Administración autonómica. Trátase do segundo plan actualizado da comarca, tras o de A Capela (2006).

«Para conseguir estes resultados, a Xunta traballa man a man cos concellos», asegurou Mato. Así se ten feito en Pontedeume, ao que a Consellería destinou preto de 150.000 euros co fin de apoiar aos técnicos na redacción deste documento.

O compromiso, indicou Mato, é que «non haxa ningún concello sen un planeamento de calidade. Precisamente, a nova Lei do solo dá resposta a este reto, aportando os instrumentos necesarios para axilizar a tramitación».

Ademais, a conselleira recordou que o seu departamento ten prevista este ano unha inversión de 3,1 millóns de euros en axudas para completar os planeamentos dos concellos.

Lea también

Confirmación das datas do I festival «Pontedeume vila do libro»

O Concello de Pontedeume converterase este ano na primeira vila do libro galega, un proxecto …