Narón impulsa a creación do Club Narón Gastronómico dirixidas ao sector hosteleiro

O programa Narón Gastronómico da un salto cualitativo logo de catro edicións e vaise converter nun Club para promover a mellora global da hostalería de Narón. Nesta iniciativa, presentada hoxe polo edil de Promoción Económica, Pablo Villamar, poderán participar todos os establecementos do sector que o desexen chamando ao número de teléfono 607 082 232 ou dirixíndose á dirección de correo electrónico: promocioneconomica@naron.es.

O concelleiro naronés deu a coñecer as primeiras actividades que se desenvolverán na localidade e fixo un chamamento aos empresarios do sector para que se adhiran a estas propostas. O obxectivo das mesmas «é potenciar a participación e colaboración entre o Concello de Narón e os profesionais do sector, a través do plantexamento e da posta en marcha de actividades cuxa finalidade será reactivar a hostalería local e mellorar a súa imaxe de cara ao exterior», indicou.

O Club Narón Gastronómico ten como vantaxes a de servir de catalizador entre o sector e a contorna social, económica e empresarial; a de mellorar a formación dos empresarios e tamén a posta en valor dos produtos alimentarios que se producen e comercializan no municipio de Narón, explicou Villamar. Para alcanzar estes obxectivos «é necesario o compromiso do maior número posible de hostaleiras e hostaleiros, que haberá de traducirse no grao de participación máis alto posible nas diferentes actividades que conxuntamente se propoñan», subliñou.

A pertenza ao Club Narón Gastronómico é voluntaria, pois só cómpre adherirse formalmente para participar nas accións que se leven adiante (concursos e rutas de tapas, actividades formativas, xornadas gastronómicas etc.). O concello xa enviou a todos os hostaleiros unha carta co documento de adhesión, que simplemente terán que cubrir e remitir asinado se desexan ser membros deste foro de dinamización para participar nas actividades que se programen.

Como primeira medida, a área de Promoción Económica xa está traballando na organización dun curso práctico de elaboración de tapas durante varias xornadas do mes de xuño, previsiblemente os días 13, 20 e 27, que será impartido polo prestixioso cociñeiro galego Xoán Crujeiras, profesor do IES Fraga do Eume de Hostalería e copropietario do restaurante A Estación (Cambre, A Coruña), que conta cunha Estrela Michelín e un Sol Repsol.

Esta actividade nace co obxectivo de dotar aos responsables dos negocios de restauración e ao seu persoal dos coñecementos gastronómicos necesarios para mellorar tanto a oferta de tapas, como a presentación das mesmas. O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 6 de xuño.

«Paralelamente estase a traballar na creación dunha páxina web do Club Narón Gastronómico e en perfís nas redes sociais para aglutinar nun mesmo soporte online toda a oferta e actividades do citado Club Gastronómico, así como a información de todos os establecementos adheridos», explicou o concelleiro.

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …