O Pazo da Cultura acolle o Festival de Fin de Curso das Escolas de Música e Baile Tradicional

Alumnado das Escolas de Música e Baile Tradicional do Padroado da Cultura participarán este domingo 5 no Festival de Fin de Curso que terá lugar no Pazo da Cultura. A edil da área, Marián Ferreiro, apuntou que durante a xornada actuarán algo máis de cincocentas cincuenta persoas e explicou que todas aquelas que desexen asistir como público poden adquirir as súas entradas, a un prezo de dous euros, na billeteira do Pazo. «Trátase dunha moi boa oportunidade para ver o intenso traballo que realizan tanto o profesorado como o alumnado das Escolas do Padroado da Cultura durante o curso, cunha ampla oferta de actividades formativas, neste caso, musicais e de baile tradicional», subliñou a edil.

O Festival Infantil comezará ás 16:30 horas, e no mesmo actuarán nenos que acudiron durante este curso a todas as Escolas de Música e Baile Tradicional –O Recuncho dos pequechos, grupos de pandeireta e grupo de baile-. Unha vez que remate o pase infantil, sobre as 19 horas, dará comezo o Festival de alumnado adulto, no que participarán alumnos das clases de gaita, percusión, pandeireta, baile e zanfona. A edil de Cultura avanzou ademais que a Banda de Gaitas e o Grupo de Bailes Tradicionais Alxibeira actuará nos dous festivais.

Durante este curso 2015-2016 as Escolas Culturais Municipais do Padroado da Cultura contaron cun total de 1.271 alumnos, entre as Escolas Culturais e Artísticas e as Conveniadas. Así mesmo, o domingo 5 celebrarase no Auditorio municipal, a partir das 18:30 horas, un obradoiro de teatro no que participará alumnado dos grupos xuvenís do Padroado da Cultura. Esta actividade enmarcase no programa de actuacións e funcións a realizar polas Escolas do Padroado da Cultura no presente curso. A entrada a esta última actividade é de balde.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …