A veciñanza de Caamouco demanda a Valentín Formoso beirarrúas entre Ares e Redes

camouco-carreteraHai tres anos que un grupo de veciños e veciñas da parroquia de Caamouco, no concello de Ares, comezaron a recollida de sinaturas solicitando a mellora da seguridade viaria na estrada que une as localidades de Redes e Ares, coa construción de beirarrúas alomenos nun dos sentidos. Dende aquela non houbo ningún avance no proxecto. Na mañá deste martes, os primeiros asinantes daquel escrito entregaron no rexistro da Deputación da Coruña un novo documento no que reiteran a súa demanda de actuación na DP-0401. O obxectivo, segundo indican Daniel García, Marisa Naveiro e Helena Veiguela, os tres primeiros asinantes, é poñer en coñecemento do presidente do ente provincial a situación de abandono na que se atopa o proxecto.

Nese escrito explícaselle ao socialista Valentín Formoso a urxencia de mellorar as condicións da seguridade viaria, tendo en conta as condicións da estrada: unha vía sen arcéns, con treitos de escasa visibilidade e cun volume considerable de circulación sobre todo nos meses de verán.

En concreto, o documento alerta de que os peóns apenas teñen espazo para se apartar da vía cando se cruzan dous vehículos. Tamén se denuncia a práctica imposibilidade de desprazarse a pé entre Ares e Redes en cadeira de rodas ou, simplemente, cun carro de bebé ou da compra.

Por todos estes motivos, os veciños e veciñas da localidade solicitan ao organismo provincial o inicio inmediato das obras.

Os asinantes que presentaron o documento no rexistro aseguran non entender como é posible que o proxecto se atope esquecido. Argumentan que a propia Deputación destinaba nos seus orzamentos de 2014 unha partida de 500.000 euros para a execución da infraestrutura pero que, dous anos despois, non houbo aínda ningunha mostra evidente de que a construción deste servizo se vaia levar a cabo.

Tres anos de reivindicación

A demanda dos veciños e veciñas da parroquia de Caamouco remóntase ao 2013. Na recollida de sinaturas de hai tres anos participaron 994 persoas.

Naquela iniciativa solicitábase á corporación do Concello de Ares que trasladase á Deputación a petición de construción das beirarrúas. Naquel escrito, presentado no rexistro municipal o 3 de xuño de 2013, instábase ao alcalde Julio Iglesias e ao resto de concelleiros e concelleiras de todas as formacións políticas con representación que puxesen a situación en coñecemento do daquela presidente provincial, o popular Diego Calvo. A petición dos veciños e veciñas chegou a ser debatida no Pleno municipal e aprobada por unanimidade.

Lea también

Ares acada o epicentro de Atenas no marco do proxecto europeo ‘Sporural’

A concelleira de Deportes de Ares, Alma Barrón, e membros do equipo técnico deportivo e …