O Concello de Cabanas programa actividades de ocio xuvenil neste verán

O Concello de Cabanas, a través da concellería de Xuventude e Deporte, ofrece este verán un amplo abano de posibilidades de ocio para nenos e rapaces. Ludoteca, campamento xuvenil e campamento deportivo integran unha programación que tamén busca facilitar a conciliación da vida familiar e laboral das familias de Cabanas. E, por iso, se hai demanda suficiente, o Concello avanza que habilitará en paralelo un servizo de madrugadores. Así mesmo, terán prioridade os fillos con proxenitores traballando.

Os interesados en participar poden formalizar a súa inscrición na casa consistorial de Cabanas a partires deste hoxe mércores ata esgotar as prazas. A primeira das actividades previstas será a Ludoteca. Arrancará o día 27 deste mes, nada máis rematar as clases, e prolongarase ata o 9 de setembro.

Os horarios serán de 9 a 14:30 horas e os seus destinatarios nenos nados entre os anos 2004 e 2012. Entre as propostas, celebraranse xogos populares e alternativos; teatro con iniciación a técnicas de expresión corporal e dramatización, contacontos, ritmo, baile, e obradoiros de manualidades e aula de natureza e reciclaxe para traballar a psicomotricidade e a creatividade, así como o respecto polo medio.

O campamento xuvenil, para rapaces de 13 a 17 anos, terá lugar entre o 11 de xullo e o 12 de agosto, de 10 a 14 horas. Nel, levaranse a cabo obradoiros de artesanía e pulseiras; talleres de trenzas de coiro e tatuaxes de henna; construción de malabares ou actividades deportivas como tiro con arco, voleibol, actividades acuáticas, montaxe de tendas, supervivencia…

Por último, o Concello deseñou o campamento deportivo para rapaces nados no ano 2009 e anteriores. Desenvolverase do 27 de xuño ao 9 de setembro, de 9 a 14:30 horas, e cunha serie de actividades como xogos acuáticos, baloncesto, bádminton, voleibol, hockey, béisbol ou fútbol.

Todas as actividades celebraranse na praia da Madalena e nas diferentes instalacións deportivas municipais.

Lea también

Confirmación das datas do I festival «Pontedeume vila do libro»

O Concello de Pontedeume converterase este ano na primeira vila do libro galega, un proxecto …