O CCRD de Perlío acolle este domingo o espectáculo «Os Bolechas van ás Olimpiadas»

As instalacións do CCRD de Perlío acollerán este domingo, 26 de xuño, ás 12:30 horas o espectáculo Os Bolechas van ás Olimpiadas. Segundo informan dende a Concellería de Cultura e Ensino do Concello de Fene, a función vai dirixida a nenos de 3 a 12 anos e a entrada será de balde até completar o aforo do local. A actuación encádrase no programa Falaredes da Rede para a Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

O novo espectáculo de Os Bolechas ten unha importante compoñente pedagóxica que se une á parte máis lúdica da iniciativa. Neste senso, amais de traballar un tema transversal en todas as propostas dos Bolechas como é o fomento de hábitos saudables –e do deporte en particular–, tamén se vai afondar no tema específico dos xogos olímpicos, coincidindo coa súa celebración este verán en Río de Xaneiro.

Así, tanto a través de probas físicas como de xogos de preguntas e respostas, os nenos que participen nesta actividade aprenderán algunhas nocións básicas sobre as Olimpíadas e o que representan, especialmente no relativo á unión dos pobos e das culturas a través do deporte. E, como non podía ser doutro xeito, en galego, de forma que tamén interioricen conceptos relativos ao ámbito deportivo na lingua propia, a que usan sempre os Bolechas, e que permitirá ás cativas e cativos galegos gozar dun momento inesquecible cos seus personaxes favoritos.

«Neste ano no que se celebran as Olimpíadas de Río de Xaneiro, Os Bolechas queren participar. Teñen tanta présa que collen o avión antes de tempo. En Brasil aínda non hai nada preparado… excepto Romualdo, un deportista «completísimo» que prepara as Romuolimpíadas. E reta os Bolechas a competir con el para gañar un pase aos verdadeiros xogos olímpicos.

Como é habitual, os irmáns van precisar moita axuda para gañar a Romualdo e conseguir unha inscrición nas Olimpíadas de Río 2016. E quen vai axudalos? O público presente na función! Todas as nenas e nenos, xunto ás súas familias, deberán demostrar o que saben dos xogos olímpicos e tamén que están en forma para participar nos de Río. E para iso terán que superar unha chea de probas… moi divertidas!».

Lea también

Actos vandálicos reiterados en Valdoviño contra el mobiliario urbano

El Ayuntamiento de Valdoviño vuelve a denunciar los actos vandálicos que, de forma reiterada, se …