A Xunta inviste máis de 400.000 euros en obras de mellora para o Centro de Menores Ferrol I

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá o Centro Ferrol I de atención a menores de idade, onde informou que neste 2016 se están a investir preto de 400.000 euros en obras de mellora e equipamento para o centro, que na actualidade ofrece 42 prazas para a atención de menores en situación de risco social.

En concreto, o montante irá destinado ao cambio de carpinterías exteriores e cristais de todo o centro. Así mesmo estase a executar unha substitución dunha caldeira e está en trámite a realización de diversas reparacións por un importe aproximado de 150.000 euros. Dentro desta partida xa se executou a instalación de mamparas nos baños ou a reparación de goteiras no tellado e pintado da zona de escaleiras e na actualidade estanse a acondicionar os 3 baños que faltan por arranxar, estase acondicionando o vestíbulo e ampliando o vestiario do persoal. Grazas á achega da Consellería de Política Social tamén se adquiriu o equipamento necesario para o funcionamento do centro e xoguetes para os menores cuxo carácter didáctico, mellora as políticas de integración aplicadas; e estase a repoñer o material necesario para que os residentes poidan continuar cos adestramentos de traiñeiras.

As problemáticas que atende o Centro de Menores Ferrol I teñen o seu contexto e orixe inmediato nun medio familiar e social marcado pola existencia de déficits económicos, sociais e culturais, dándose en moitos casos o desamparo destes menores. Ferrol I centra o seu traballo na busca de técnicas e formas de organización que permitan o desenvolvemento integral dos residentes, preparándoos para construír unha sociedade capaz de garantir o seu auténtico desenvolvemento humano. Para elo, leva a cabo accións diversas entre as que destacan os programas de mediación e orientación familiar, de educación para a saúde, así como os obradoiros de habilidades sociais e de educación en valores.

Na actualidade, a administración autonómica ten a preto de 2.000 menores baixo a súa protección en diferentes modalidades: tutelados, en garda, en acollemento residencial ou en acollemento familiar. Rey Varela explicou que «a meta é o desenvolvemento e o fortalecemento persoal de menores que teñen pasado por situacións complicadas».

Ademais, durante a visita, o conselleiro de Política Social agradeceu o «compromiso, implicación e dedicación que presentan os profesionais que traballan no centro».

Máis recursos para as situacións de desprotección

O titular da carteira autonómica asegurou que «é unha prioridade realizar unha atención integral a toda a infancia, e de xeito particular, aos menores que sofren unha situación de desprotección ou conflito social». «O que queremos é previr situacións de desamparo; e no caso de que se produzan, actuar de maneira rápida e eficaz, garantindo en todo momento os dereitos do menor», engadiu Rey Varela.

Así, a partida orzamentaria destinada en 2016 a atención ao menor ascende a 26 millóns de euros, o que supón 1,5 millóns de euros máis que o exercicio pasado. Este aumento repercutirá de xeito positivo nas persoas máis desprotexidas a través de dedicar máis recursos económicas a medidas como o Programa de intervención familiar, o Programa Mentor ou os puntos de encontro familiar; así como a liña telefónica gratuíta de axuda á infancia 116 111 ou o Rexistro Unificado de Maltrato Infantil.

Lea también

Psoe Ferrol «hai fórmulas para a estabilidade económica de Emafesa sen subirlle o recibo aos veciños»

O grupo municipal socialista cree que «hai outras formulas para conseguir a estabilidade económica de …