Entregados en Narón os diplomas de cursos formativos para desempregados

entrega diplomas naron 22-7

A concelleira de Formación, Natalia Hermida, entregou hoxe os diplomas de tres cursos do programa de Accións Formativas para Desempregados (AFD), subvencionados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e que remataron o pasado ano.

Recibiron os seus diplomas un total de corenta e dúas persoas das corenta e cinco matriculadas, aínda que non puideron acudir todas á convocatoria de hoxe debido a que unha gran maioría do alumnado xa está traballando. Foi precisamente o feito de acadar ese obxectivo un dos apartados máis valorados pola concelleira de Formación, que destacou que «algo máis dunha vintena de persoas están traballando na actualidade grazas á realización destes tres cursos».

As modalidades impartidas foron: Atención sociosanitaria a persoas no domicilio (628 horas); Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (478 horas) e Montaxe de mobles e elementos de carpintería (478 horas).

Hermida felicitou ás persoas que remataron a totalidade dos módulos pola súa «motivación á hora de continuar o camiño da formación para ampliar as súas posibilidades de acceder a un posto de traballo». Así mesmo, destacou a labor do Concello en materia formativa, neste caso en colaboración coa administración autonómica, e tamén do persoal do Concello que realiza as pertinentes xestións para poder convocalos e das empresas que colaboran para impartir os módulos prácticos.

«Son precisamente estas empresas as que actualmente teñen entre o seu plantel a algúns alumnos e alumnas destes tres cursos, polo que desde o Concello agradecemos a súa colaboración», subliñou Hermida. Os cursos de Atención sociosanitaria, tanto en institucións como no domicilio, foron os que rexistraron un nivel máis elevado de inserción laboral, indicou Hermida.

 

A edil de Formación recordou aos asistentes que no caso de ter rematados todos os módulos poden solicitar un certificado de profesionalidade, que se lles remite desde a administración autonómica. O alumnado dos tres cursos seleccionouse desde o Concello a través dos listados facilitados desde a Oficina de Emprego, ao tratarse de cursos AFD.

Lea también

O Goberno de Narón chega a un acordo para manter o servizo de madrugadores

O goberno local e as Anpas de Narón chegaron a un acordo para manter temporalmente …