O patrimonio artístico do Concello de Ferrol…pola porta asoma

foro amigos ferrol-1O Foro de Amigos de Ferrol saúda a iniciativa da Concellería de Patrimonio de facer unha primeira mostra do patrimonio artístico do Concello de Ferrol, esperando que teña a debida continuidade con outras mostras similares. Trátase dunha interesante exposición de 15 retratos de personaxes coñecidos, tanto nacidos en Ferrol como relacionados coa cidade.

Non obstante, bótase en falta, por babor e por estribor, a ausencia dos retratos dalgúns persoeiros nacidos nesta cidade; cecais faltou o detalle de mostrar certas obras agachadas nalgún luigar do Concello. A maiores, a mostra carece dun catálogo para o visitante; calquera exposición no Centro Cultural da rúa de Hospital feita por un artista de Mazaricos ou de Villafranca del Bierzo, dispón dun completo catálogo.

Polo seu interese histórico, dentro da estética neoclásica, salienta un retrato de Dionisio Sánchez Aguilera (1730-1811), militar sevillano que tivo unha presenza activa en Ferrol, sendo o fundador e director do antigo Hospital de Caridade, hoxe sede do Centro Cultural Municipal. Trátase dunha obra de Agustín Díaz Robles, segundo informa a cartela do devandito cadro, que, para moitos historiadores da arte e coñecedores do pintor eumés e profesor de debuxo no Arsenal de Ferrol, chamábase Agustín Robles y Quiroga.

Dionisio Sánchez de Aguilera                 José Ferrándiz Niño
                  Dionisio Sánchez de Aguilera                                                                            José Ferrándiz Niño

Outro pintor, o coruñés Eduardo de la Vega, profesor da Escola de Artes e Oficios, é o autor do retrato doutro sevillano, o almirante José Ferrándiz Niño (1847-1918), moi prezado en Ferrol como autor da chamada Lei de Escuadra ou Plan Ferrándiz de Xaneiro de 1908, que tiña o obxecto de construír unha nova escuadra para a Armada, correspondéndolle ao Arsenal de Ferrol as obras máis importantes, entre elas a construción de tres acorazados e do Dique Seco nomeado como Reina Victoria Eugenia.

Ramón Goy de Silva
Ramón Goy de Silva

Pouco coñecido pero de grande interese é o retrato de Ramón Goy de Silva (1883-1962), pintado o ano 1916 en Madrid pola artista inglesa Nelly Harvey, residente largo tempo en España. O novelista, poeta e dramaturgo local Ramón Goy de Silva, inxustamente esquecido en Ferrol, destacou pola súa obra dentro das correntes estéticas do modernismo e do simbolismo. Afincouse a partires da década de 1910 en Madrid, onde tamén cultivou o xornalismo.

Aparecen tamén nesta mostra retratos feitos por Antonio M. Esquivel, Vila Prades, Vicente Díaz, Bello Piñeiro e González Collado, entre outros. Esperemos que novas exposicións dean a coñecer o patrimonio pictórico do Concello e formen ese xermolo do demandado Museo da Cidade.

As dezaseis entidades e asociacións culturais máis importantes de Ferrol aínda están a esperar que o Alcalde de Ferrol, os concelleiros de Cultura e Patrimonio e os representantes de tódolos grupos municipais (desde o PP ata o BNG), teñan a elegancia e a boa educación de contestar á petición que se fixo no senso de pedir un Museo da Cidade, demanda que fora presentada de xeito oficial polo Rexistro Municipal a todos eles o pasado 11 de Febreiro. Polo errático camiño que levan o Alcalde, o Concello e a oposición non semella que nin tan sequera iso sexa posible.
Pola transcrición. Juan J. Burgoa

Lea también

El Festival Ilustrado regresa a Ferrol en junio

Ferrol acoge los días 14,15 y 16 de junio un evento único en España que …

Un comentario

  1. Enhorabuena, buen articulo, esperemos algun dia Ferrol tenga un Museo de pintura en condiciones y que tu y yo lo veamos,
    Un abrazo.