Apertura do prazo de inscrición da actividade «Contos do Brasil» na Biblioteca municipal

A concelleira de Bibliotecas do Concello de Narón, Mercedes Taibo, anunciou a apertura do prazo de inscrición, mañá 26, da actividade Contos do Brasil, que se desenvolverá na Biblioteca municipal de Narón o vindeiro 1 de agosto. A iniciativa diríxese a nenos a partir de catro anos convócase con motivo da celebración, este ano, dos Xogos Olímpicos de Río de Janeiro do 5 ao 21 de agosto. A actividade terá unha hora de duración, entre as 12 e as 13 horas.

Caxoto Contacontos, un proxecto iniciado por Felipe Díaz no ano 2012, ofrecerá aos asistentes o espectáculo Contos do Brasil, unha sesión na que os contos, a música en directo e o mar cobrarán especial protagonismo. A actividade trasladará aos participantes á selva amazónica, onde se atoparán con tempos pasados e, polo tanto, cos xoguetes, cantigas e contos propios das culturas brasileira e portuguesa, con moitos aspectos en común coas raíces de Galicia. A edil de Bibliotecas explicou que se trata dunha proposta «dirixida a un público familiar, na que tanto os nenos e nenas como os seus pais e nais poderán gozar dunha xornada lúdica e, ao tempo, educativa, ao abordarse diversos temas en común das culturas galega e brasileira».

As reservas de praza deben facerse a partir de mañá ás 9 horas no mostrador da biblioteca, ou chamando ao número de teléfono 981 382 173, se ben é preciso ter o carné de socio das citadas instalacións para poder asistir. O horario de apertura da Biblioteca municipal nos meses de verán é de martes a venres de 9 a 14:30 horas e as tardes do luns e do mércores de 18 a 21 horas.

Lea también

Charlas dirixidas a familias con menores matriculados nas escolas infantís de Narón

A edil de Ensino do Concello de Narón, Olga Ameneiro, informou que os días 22 …