A Xunta destina 4,3 millóns para a primeira fase do saneamento da Ría de Pontedeume

mato pontedeume 30-8

«A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá máis de 4,3 millóns na primeira fase do saneamento da Ría de Pontedeume». Así se recolle no convenio que asinou esta mañá a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, co alcalde da localidade eumesa, Bernardo Fernández.

Segundo destacou a conselleira, esta actuación «vai darlle solución aos principais problemas aos que se enfronta na actualidade a rede de saneamento de Pontedeume». En primeiro lugar, prodúcense infiltracións de importantes cantidades de auga salgada no colector interceptor que transcorre ao longo do paseo marítimo e o porto; prodúcense problemas de verteduras pola incapacidade da rede de absorber os caudais, especialmente en época de choiva; e envíase un caudal excesivo á EDAR desde o bombeo de Pontedeume.

Para solucionar estes problemas, o proxecto presentado contempla, entre outras melloras, a execución dun novo colector interceptor cun diámetro de entre 800 e 1.400 milímetros, moi superior aos 400 milímetros do actual. Tamén se construirá un tanque de retención, que permitirá regular os caudais enviados á EDAR, así como reducir o número de verteduras na zona. Ademais, porase en marcha unha cámara de bombeo e impulsión, anexa ao tanque de retención, que enviará as augas á EDAR de Centroña. Xa por último, a conselleira precisou que «se procederá a renovar a tubaxe de abastecemento do tramo afectado polo novo colector, e que se repoñerán todos os firmes e pavimentos afectados pola execución das obras».

A estimación é que estes traballos permitirán beneficiar a máis de 9.000 habitantes equivalente e que resultarán «fundamentais para mellorar a calidade de vida do marisqueo na Ría de Pontedeume».

Mato recordou que esta actuación se inscribe na firme aposta do Goberno galego por mellorar o saneamento e abastecemento en Galicia. Ao respecto, fixo fincapé en que nos últimos anos téñense investido máis de 1.100 millóns de euros a saneamento e depuración, un esforzo que se traduce nunha mellora do estado das nosas augas: en 2009, ao redor do 70% das augas de Galicia eran de boa calidade, unha porcentaxe que agora acada o 78%.

Lea también

Los trabajadores de Mugardos continúan con sus protestas ante la postura del gobierno local

Los trabajadores del concello de Mugardos continúan en su lucha por la defensa de sus …