Fin de semana festeira e deportiva en San Sadurniño

aldebaran-8-9

A axenda para os próximos días en San Sadurniño vén marcada por unha das festas máis multitudinarias de toda a volta e por un evento deportivo que se recupera tras varios anos sen se celebrar. Así, o sábado á tarde o pavillón polideportivo acollerá o XIV Trofeo de volei Concello de San Sadurniño organizado polo Aldebarán-Intasa como parte da súa preparación da temporada na SM2, mentres que en Bardaos hoxe arranca un maratón festeiro na honra de Santa María ou, mellor dito, do San Pipote.

O VIX Torneo de volei comezará o sábado ás 17 horas, e disputarase cun formato triangular no que se enfrontarán, ademais do anfitrión, outros dous participantes na próxima temporada da SM2: o Náutico Boiro Voleibol e o Voleibol Dumbría.

Os emparellamentos e horarios previstos quedaron configurados da seguinte maneira: ás 17 horas xogarán o Dumbría e o Boiro, ás 18 horas tocaralle ao Aldebarán-Intasa contra o perdedor do primeiro enfrontamento e ás 19 horas disputarase o último partido enfrontando ao equipo local contra o ganador do partido das 17 horas.

Para o clube local este será o primeiro partido de pretemporada co unha formación renovada en parte na que, con respecto á anterior temporada, só marcou baixa Fran, que militará no Cáceres. A liga arranca en outubro e os dous primeiros enfrontamentos reservados para o Sansa son fóra da casa, o 1 en Valladolid e o 8 en Tenerife, polo que haberá que agardar ao día 15 para volver ver no pavillón municipal ao primeiro equipo do Aldebarán, que nesa ocasión se medirá ao CyL Palencia 2018.

San Pipote

san-pipote-8-9

E no apartado festeiro é obrigado facer referenza á patroa de Bardaos, Santa María, que a parroquia celebra desde hoxe e ata o domingo. Máis coñecida polo outro nome, o de San Pipote, esta é unha das festas máis multitudinarias da comarca. Volve repetir a estrutura que tan ben lle funcionou nos últimos anos, cun comezo o xoves en plan suave no local social coa actuación ás 23 horas do grupo folc de recente creación Encrucillada e tamén coa proxección do vídeo promocional da festa, que tras tres anos sen se facer, volve a todas as pantallas virtuais con realización do chanfaineiro Bieito Beceiro e a participación da veciñanza da parroquia.

Mañá venres a festa xa se traslada ao campo anexo á igrexa parroquial. Ás 13 horas haberá misa e posteriormente sesión vermú animada polo grupo Samba, que á noite subirá ao escenario alternando coa orquestra Galilea.

O sábado, día central do San Pipote, tamén teremos misa e sesión vermú -orquestra Venecia- e, trala sobremesa, a iso das 18 horas, o contorno da área recreativa volverá converterse en escenario das Olimpiadas parroquiais con todo tipo de retos disparatados cos que poñer a proba forza, habilidade e resistencia.

Pola noite actuarán Venecia e Costa Oeste e sobre a 1 da madrugada percorrerá o campo da festa a procesión pagá do San Pipote, ese inmenso bocoi cheo de calimotxo que despois calquera poderá degustar ad-libitum. A festa rematará o domingo ao mediodía xa sen misa pero cunha sesión vermú dirixida a quen queira ir desconectando pouco a pouco ou, mellor dito, a quen aínda teña aguante despois de tres días sen parar.

Lea también

Valdoviño y Aspaneps favorecen el reciclaje de tapones de plástico

El Ayuntamiento de Valdoviño y Aspaneps, Asociación de Padres de Niños con Problemas Psicosociales,  inician …