O Concello de Cedeira oferta un curso sobre a eficiencia enerxética

O Concello de Cedeira, a través da concellería de Medio Ambiente que dirixe Camilo Casal e dentro do seu Plan municipal de eficiencia enerxética iniciado a principios deste ano, organiza o I Seminario de Introducción á Eficiencia Enerxética, unha actividade que se impartirá entre o luns 17 e o venres 28 de outubro.

O curso vai dirixido a desempregados ou persoas en activo que desexen explorar o campo da eficiencia enerxética aplicada a multitude de sectores como o mercado enerxético (libre e regulado), a iluminación, climatización, edificación…, así como os distintos modelos de negocio existentes a través de innovadoras fórmulas de inversión. Pola natureza da formación, que pretende ser introdutoria, non é necesaria ningunha titulación técnica senón interese polo emprendemento e pola reciclaxe profesional.

O programa, que terá 40 horas de duración, impartirase integramente no Instituto Punta Candieira de Cedeira en horario de maña, de 9 a 13 horas. Ofertaranse un máximo de 30 prazas.

Un total de 5 profesores especializados e con ampla experiencia serán os encargados de impartir as sesións, que tratarán sobre a enerxía, o mercado enerxético, a eficiencia nas empresas, as enerxías renovables, a iluminación interior e exterior, o modelo de negocio das ESCO, a consultoría enerxética, a implantación de sistemas de xestión SGEn para ISO 50001:2011, normativa e regulación e a eficiencia na edificación.

As persoas interesadas poden inscribirse no enderezo electrónico seminarioemprendedorescedeira@gmail.com indicando o seu nome e apelidos e un teléfono de contacto, antes do día 7 de outubro.

Lea también

A Deputación licita por 224.664€ as obras do firme da DP 4803 en Centroña, Pontedeume

A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación das obras de renovación do firme …