Rey Varela asegura que «xogámonos o que vai pasar en Galicia os vindeiros catro anos»

rey varela afal 20-7

O candidato ferrolán do Partido Popular de Galicia (PPdeG), Jose Manuel Rey Varela, fixo esta mañá un chamamento á participación nestas eleccións autonómicas «porque xogámonos o que vai pasar en Galicia os vindeiros catro anos». Os populares, que afrontan hoxe o último día de campaña, comezaron a xornada cun encontro no Hotel Carrís Almirante coas persoas que exercerán de interventores e apoderados da formación o vindeiro domingo».

De cara á inminente cita coas urnas, Rey Varela amosou o seu convencemento de que «serán unha ampla maioría as persoas que manifestarán co seu voto o desexo de que Galicia avance e siga adiante; fronte ao bloqueo, as liortas e o catastrofismo». Así, engadiu que «toda esa xente, que cre en Galicia e quérelle dicir Si a esta terra, ten un punto de encontro na candidatura que encabeza Alberto Núñez Feijóo, con independencia de a quen votara en anteriores comicios ou da súa ideoloxía».

Tamén solicitou o apoio das persoas que noutras citas coas urnas confiaron no PSOE e que «non queren para este país un presidente das Mareas de Podemos». E, así mesmo, chamou aos veciños desta cidade a que o vindeiro 25-S dean o seu apoio ao «proxecto estable, fiable e solvente que representa Alberto Núñez Feijóo para que en Galicia non se repitan as liortas que temos no concello de Ferrol».

«Temos a posibilidade de que Galicia teña un goberno estable que estará traballando ao día seguinte das eleccións, sen ataduras nin condicionado por pactos e negociacións postelectorais de despacho», manifestou Rey Varela. Neste sentido, indicou que votar a Alberto Núñez Feijóo é dar o apoio a «un proxecto aberto e para a maioría, no que se poden sentir acollidas persoas de diferentes sensibilidades, aquelas que se sentan defraudadas polo partido no que crían e, por suposto, tamén as que xa confiaran en nosoutros en anteriores ocasións».

«Nin pedimos nin expedimos carnés de bos e malos galegos, de bos ou malos españois, de boa ou mala xente», dixo o candidato local. «O que facemos é ofrecer un pacto ao conxunto dos cidadáns e cidadás deste país: seguir traballando para que Galicia continúe polo camiño da recuperación e avanzando nun obxectivo en que todos coincidimos, que non é outro que aproveitar o crecemento da nosa economía para mellorar o benestar de todos os galegos e galegas e para o progreso desta terra», afirmou.

Temas que importan a Ferrol

Rey Varela, xunto cos demais candidatos locais, pecha hoxe quince días de campaña durante os que celebraron ao redor de medio centenar de encontros veciñais e actos centrados en dar conta á xente da bagaxe destes anos de Alberto Núñez Feijóo ao fronte da Xunta de Galicia, así como en explicar as propostas de futuro. «Sobre todo, dedicamos estas semanas a escoitar e falar cos nosos veciños e veciñas dos temas que son de verdadeiro interese para esta cidade e esta comarca”, apuntou.

Así, entre outras cuestións abordadas durante estas dúas semanas polo candidato ferrolán e que forman parte do novo programa de goberno de Alberto Núñez Feijóo estiveron: a mellora nos datos de emprego; a nova situación con carga de traballo nos estaleiros da ría e a súa diversificación industrial; o impulso do tren ao porto exterior; a modernización do hospital Arquitecto Marcide e a construción dun novo centro de saúde de San Xoán; a recuperación do conxunto histórico da Magdalena e Ferrol Vello e a ARI de Recimil; a especialización do campus universitario de Ferrol como Campus Industrial ou a potenciación do CIS da Cabana.

Así mesmo, no ámbito social, Rey Varela tivo a ocasión de debater coa veciñanza de Ferrol sobre a reforma integral do Fogar de Maiores de Caranza e o apoio á construción e apertura dunha nova residencia na cidade; o despregamento de novas prazas residencias, diúrnas e ocupacionais para maiores e persoas con diversidade; ou os novos servizos para as familias e a conciliación coa posta en marcha de novas escolas infantís, centros de día, a Tarxeta Benvida ou o Bono Concilia, entre outros recursos e axudas.

Lea también

Avance en la mejora de la prestación de asistencia jurídica gratuita

La Xunta y el Consello da Avogacía Galega han pactado nuevas mejoras en la prestación …