O Concello de Narón respalda ao Consello Escolar e a Anpa do Feal nas súas reivindicacións á Xunta

A concelleira de Ensino de Narón, Mercedes Taibo, anunciou o respaldo do goberno local de Narón á solicitude do Consello Escolar do CPI do Feal para instar á Xunta a ampliar o número de prazas de comedor escolar adxudicadas este curso ao citado centro. A edil amosou a súa disconformidade coa decisión da administración autonómica por non atender as reclamacións formuladas polo Consello Escolar e a Anpa do CPI do Feal ante o Servizo de Xestión de Comedores Escolares dos centros docentes non universitarios, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O citado organismo rexeitou ampliar as 89 prazas de comedor dispoñibles no colexio do Feal, o que supón deixar fóra deste servizo a preto dun cento de demandantes do mesmo, tal e como recordou a concelleira responsable da área.

«Desde o goberno local de Narón respaldamos unha por unha as reivindicacións formuladas desde o Consello Escolar e a Anpa do Feal, e urximos á Xunta a revisión dos criterios de preferencia para a concesión das prazas de comedor, porque a incompatibilidade laboral é o último indicativo valorado e precisamente é un dos que consideramos fundamentais de cara á conciliación da vida familiar dos usuarios do servizo», recalcou Taibo.

A edil de Ensino apuntou que «no presente curso escolar solicitaron o servizo de comedor no Feal un total de 184 alumnos e alumnas» e lamentou o feito de que «moitos deles, máis da metade, queden sen praza debido á negativa da Xunta a ampliar as existentes». As instalacións do centro dispoñen de capacidade para un total de 144 usuarios, co que o espazo non representaría impedimento algún nestes momentos, tal e como recalcou a concelleira de Ensino, para ampliar as prazas existentes.

Mercedes Taibo respaldou tamén as iniciativas desenvolvidas desde a Comunidade Educativa do centro, que presentaron case 800 sinaturas solicitándolle á Xunta a revisión dos criterios de preferencia; a ampliación temporalmente neste curso das prazas asignadas facilitando o acceso ao servizo ás familias máis desfavorecidas e o incremento das prazas asignadas definitivamente para o vindeiro curso escolar.

Lea también

A Biblioteca de Narón e a Axencia de Lectura da Gándara retoman “Trocolibro”

A Biblioteca de Narón e a Axencia de Lectura da Gándara retoman dende este luns …

Un comentario

  1. ¿Respalda? ¿En qué consiste el respaldo? ¿En decir que en la Xunta son muy malos y no hacer nada (cosa habitual)? Pues ya les decía yo que podían hacer el respaldo….