O Concello de Narón agasalla a María del Carmen Lamas, veciña do Alto que ten 103 anos

naron-centenaria-1O Concello de Narón homenaxeou na mañá deste luns a María del Carmen Lamas Sánchez, veciña centenaria da parroquia do Alto, con motivo dos actos do Día Internacional das Persoas Maiores

O Concello de Narón acolleu unha homenaxe a María del Carmen Lamas Sánchez, de 103 anos e veciña de Narón. O alcalde, José Manuel Blanco, e a concelleira de Promoción Social, Teresa Sabio, presidiron o acto, acompañados por portavoces dos grupos da corporación local e familiares da homenaxeada.

A cita forma parte dos actos organizados desde o goberno local para conmemorar o Día Internacional das Persoas Maiores, que tivo lugar o pasado 1 de outubro. Nacida no ano 1913, cumprirá 104 anos o vindeiro 26 de marzo, tal e como recordou durante a animada conversa que mantivo cos representantes do goberno local. A centenaria recibiu como agasallo unhas flores e algunhas publicacións do Concello de mans do alcalde e da edil de Promoción Social.

María del Carmen Lamas naceu en Serantes. Filla de Manuel Lamas e de Mercedes Sánchez, María del Carmen tivo un fillo e unha filla (falecida esta última a principios deste ano), e reside na actualidade cun dos seus netos –fillo da filla- na zona do Alto. Tivo catro netos (un tamén faleceu) e xa goza da compaña de cinco bisnetos, tal e como lles contou aos representantes do goberno local. María del Carmen asegurou tamén que é unha muller moi familiar e agradece os coidados que lle brinda a súa familia. «Eu axudei sempre en todo o que puiden á miña familia e agora cóidanme eles a min, quérenme moito», contou unha emocionada María del Carmen.

Antes de rematar o acto, a homenaxeada e os seus familiares sacaron unha fotografía no Concello para recordar esta data. O alcalde e a edil de Promoción Social agradeceron á muller a súa presencia e tamén a dos seus familiares.

naron-centenaria-2

Lea también

Un ferrolano, residente en Narón, salva milagrosamente la vida al ser embestido su coche por un tractor

Según informa COPE-Ferrol un vecino de Narón, C. R. M., de 38 años, logró milagrosamente …