Nova xuntanza en Camouco para acordar o futuro da Horta de Quinín

camouco-hortaA segunda fase do proceso participativo da Horta de Quinín está en marcha. A Comisión Interasocietaria que se encarga da xestión da parcela, composta por membros da Agrupación Instrutiva de Caamouco e a Asociación Betula, convocou para este sábado 15 de outubro ás 19 horas unha nova xuntanza aberta ao público.

Neste novo encontro presentarase e someterase a consulta a proposta resultante da anterior xuntanza aberta celebrada o pasado 17 de setembro no centro social da Tenencia. Naquela reunión, máis dunha trintena de persoas achegaron a súa opinión a través dunha enquisa sobre cal debería ser o futuro desta propiedade, legado do pintor local Joaquín Rojo Seijas.

Tendo como única base esas enquisas, a Comisión Interasociataria da Horta de Quinín fará pública unha proposta de consenso, que pretende aglutinar a meirande parte das opinións recollidas nesa primeira fase do proceso participativo. Así as cousas, cabe salientar que máis do 90% das persoas consultadas o pasado 17 de setembro apoian a creación dun espazo verde no que se poñan en valor as especies autóctonas, tendo como finalidades básicas a protección do medio ambiente, da biodiversidade e dos elementos de identidade do territorio.

Un proxecto con bases

A recuperación da Horta de Quinín é un proxecto de longo percorrido. A Agrupación Instrutiva de Caamouco leva máis dun ano traballando na procura dunha utilidade para unha parcela que leva en desuso 18 anos.

Consciente da importancia do proxecto, a Agrupación Instrutiva iniciou no mes de maio de 2016 un proceso transparente e aberto, no que os socios e socias da Entidade puideron coñecer paso a paso o proxecto de reconversión da leira nun espazo natural. De feito, na convocatoria da Asemblea Xeral de Socios da Agrupación, do pasado 15 de maio, xa se convidaba a todos os socios da Agrupación a opinar sobre a proposta. Os socios presentes nese encontro decidiron por unanimidade darlle luz verde ao proxecto, que desembocou no mes de xuño na sinatura dun acordo de colaboración coa Asociación Betula. Ese convenio conseguiu unir forzas na procura dun mesmo obxectivo: recuperar un espazo con moito potencial, pero que leva anos degradado.

Lea también

Valdoviño elimina a lista de espera no servizo de axuda no fogar para persoas dependentes de grao II e III

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello vén de …