Alumnado de Narón asistiu ás primeiras representacións da Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil

Un total de 269 alumnos de Bacharelato e Ciclos dos IES Terra de Trasancos e As Telleiras, de Narón, e Breamo, de Pontedeume, asistiron esta mañá ás representacións inaugurais da Mostra de Teatro de Infantil e Xuvenil de Narón, organizada polo Padroado da Cultura. A compañía Contraproduccións SL foi a encargada de abrir a convocatoria coa obra Memorias dun neno labrego, da que hoxe tiveron lugar dúas funcións, unha ás 10 horas e a segunda a partir das 12 horas.

A Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil continuará desenvolvéndose mañá, xornada na que se representará de novo a obra Memorias dun neno labrego. Á que será a segunda convocatoria acudirán 266 alumnos de terceiro e cuarto curso de ESO dos colexios Ayala, Santiago Apóstol (Xestión Administrativa), Jorge Juan e O Feal ao pase das 10 horas, e 240 de terceiro e cuarto de ESO dos institutos Terra de Trasancos e As Telleiras para a programada ás 12 horas.

As función retomaranse o vindeiro luns, 24 de outubro, con alumnado de Narón e doutros centros da comarca. A compañía Ghazafelhos representará a obra Rubicundo, tanto o día 24 como nas xornadas do 25 e o 26 deste mes, nas que se desprazarán ao Pazo un total de 1.521 alumnos de varios centros educativos da localidade e comarca. Na actualidade máis de 5.500 rapaces e rapazas están xa anotados para acudir ás representacións programadas no marco desta Mostra –un total de trinta a cargo de cinco compañías- no Pazo da Cultura, nas escolas infantís da Solaina, A Gándara e Piñeiros e nas aulas de Infantil do Santiago Apóstol, centros estes últimos aos que se desprazarán a propia compañía. O programa previsto rematará o vindeiro 2 de decembro.

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …