A SCR A Pombiña pecha os Sábados Teatrais de Cabanas coa obra «Quen vai á guerra?»

Sábados Teatrais, o ciclo de teatro organizado polo Concello de Cabanas, chega esta fin de semana ó seu fin. E farao da man do Grupo de Teatro da SCR A Pombiña de Pedroso e a súa obra Quen vai á guerra?. Complétase así un cartel que inauguraba a compañía local Licor Café e o grupo da SCRD Agarimo de Sillobre. Funcións que colleitaron o aplauso dun público que abarrotou o salón de plenos da consistorial de Cabanas.

No mesmo escenario, este sábado ás 19 h, o Grupo de Teatro da SCR A Pombiña representará Quen vai á guerra?. Unha obra que conta a historia de Marijuana e Maripepa, dúas veciñas que levan toda a vida pelexando. A súa mala relación complicarase máis coa chegada á aldea dun sarxento do exército de terra que vén disposto a recrutar un soldado para afilialo ás súas tropas e envialo á guerra. A cousa non lle será fácil, pois na aldea as únicas persoas válidas para a guerra son precisamente Marijuana e Maripepa.

O Concello conta co respaldo da Deputación nesta iniciativa, xa que dúas das obras, O pai do rapaz e Quen vai a guerra?, foron contratadas a través do programa Rede Cultural.

Lea también

As Pontes invirte preto de 110.000€ na mellora da rúa da Balsa

O Concello de As Pontes investirá 109.053 euros, procedentes da Deputación da Coruña, no proxecto …